23 de xuño de 2015
O Concello concedeu 256 permisos para cacharelas para a festividade
O alcalde chama ao civismo e o respeto ambiental para ter unha noite de San Xoán tranquila, sen renunciar ao espírito festivo.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitou esta mañá o posto de socorristas da praia de Riazor, onde avanzou os aspectos relevantes do dispositivo especial de seguridade que se porá en marcha para a noite de San Xoán. Nel participarán máis de medio millar de efectivos, para atender ás 140.000 persoas que participarán na festa, segundo as previsións.
Ferreiro apelou á responsabilidade cidadá para ter unha noite ?tranquila, sen renunciar ao espírito festivo? e tamén fixo un chamamento ambiental para o coidado dos espazos públicos e o mobiliario urbano por parte da cidadanía. ?Se todos e todas poñemos algo da nosa parte poderemos pasalo ben?, asegurou.
O dispositivo de limpeza será similar ao despregado en edicións anteriores, segundo informou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, María García, que tamén estivo presente na visita, e quen pediu especial coidado coas zonas verdes da cidade durante a tarde e a noite, máxime despois destes días de altas temperaturas, que elevan o risco de incendio. Neste sentido, hai que ter en conta que o Concello outorgou un total 256 autorizacións para facer lumaradas en distintos puntos da cidade.
O operativo especial de San Xoán empezará a funcionar ás 16.00 horas, e media hora despois (16.30 horas) comezará a permitirse a baixada de material ás praias. O reparto gratuíto de leña terá lugar a partir das 18.00 horas en nove puntos das praias do Orzán (4), Riazor (3), As Lapas (1) e Oza (1). Serán 150 toneladas de madeira limpa, sen puntas nin bernices, polo que é máis segura e non contaminante.
Ademais, para que a xente que participa na festa poida colaborar na recollida dos residuos que se xeran durante a noite colocaranse, ao longo do Paseo Marítimo, 10 colectores de lixo, 26 recipientes para residuos inorgánicos e 23 para orgánicos. Desde a media noite e ata as 04.30 da madrugada, 18 monitores ambientais recollerán as bolsas de lixo que a xente achegue desde os areais. Ás 06.00 horas procederase ao desaloxo das praias, momento en que comezarán as tarefas de limpeza, primeiro en Riazor e, ás 07.30 horas, no Orzán. Nelas participarán 110 profesionais.
O dispositivo especial de seguridade está formado por 502 profesionais, nos que se inclúen axentes da Policía Local e Nacional, Bombeiros, Protección Civil, servizo de Salvamento e Socorrismo, rescate acuático, seguridade privada, voluntariado da Cruz Vermella e Urxencias Médicas, ademais do persoal do servizo de limpeza de praias. Contará con 30 vehículos e 3 motos do 092, 8 vehículos nodriza-motobomba máis 3 auxiliares e unha embarcación de Bombeiros, 5 ambulancias da Cruz Vermella, 4 (2 medicalizadas e 2 asistenciais) do 061 e 2 de Protección Civil. Bombeiros instalará un centro móbil de coordinación e outro de videovixilancia, Protección Civil un hospital de campaña e unha carpa loxística e Cruz Vermella, un hospital de campaña.
Un total de 68 patrullas da Policía Local estarán na rúa esa noite para controlar, entre outros asuntos, a seguridade na contorna do Paseo Marítimo e o tráfico na zona das praias, ademais de facer seguimento ás cacharelas e sardiñadas. Para garantir a seguridade nos areais, vetarase o acceso á auga desde as 20.00 horas e ata as 09.00 horas do día 24.
En canto ao tráfico, o Paseo Marítimo cortarase a partir das 20.00 horas no tramo comprendido entre a rúa Curros Enríquez e Manuel Murguía, cun corte total dos accesos. Para conectar o centro da cidade cos barrios e facilitar a mobilidade, funcionarán oito liñas especiais de bus urbano, que circularán durante a noite: desde as 00.30 ata as 2.30 horas transitarán cada dez ou quince minutos e desde as 03.00 e ata as 06.30 horas, cada 30 minutos:
Xunto a estas liñas, durante a noite de San Xoán funcionará un reforzo do bus Búho, que incrementará as frecuencias ata os 30 minutos, e que nun dos percorridos reducirá o tempo do percorrido ao eliminar o desvío a Feáns e Mesoiro. Desde a media noite e ata as 07.00 horas do día 24, fará o seguinte percorrido:
A maiores, funcionarán dous aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade, En Marineda City e no Carrefour de Alfonso Molina, que estarán conectados co centro mediante un servizo de buses lanzadeira, para facilitar o acceso ás persoas que acudan á festa desde outros concellos; entre as 22.30 horas e as 2.30 horas, eses buses circularán cada 15 minutos, e desde ese momento ata as 06.30 horas, cada 30 minutos.

14 de decembro de 2025

14 de decembro de 2025

13 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible