Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de febreiro de 2026

O Aquarium Finisterrae encherase de talleres e charlas divulgativas na VIII Feira Isabel Zendal

As actividades celebraranse o sábado 7 de febreiro de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30, e serán gratuítas con reserva previa

A VIII edición da Feira de Ciencia Isabel Zendal despregará, o sábado 7 de febreiro nas salas do Aquarium Finisterrae, talleres divulgativos sobre o mundo mariño e as expedicións marítimas atendidos por profesorado e alumnado da Universidade da Coruña, e ofreceralle ao público a oportunidade de participar nunha diversidade de experimentos, xogos e actividades. Os encontros serán en horario das 11.00 ás 14.00 h e das 16.00 ás 18.30 horas.

Para visitar este día o Aquarium Finisterrae, que celebra xornada de portas abertas con entrada gratuíta, e participar nos talleres, é necesario realizar unha reserva de entradas, que se poderá realizar a partir das 9.00 horas do mércores 4 de febreiro nesta ligazón. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan.

Os talleres ofrecidos son:

  • Isabel Zendal e os 21 expósitos: unha viaxe ao redor do mundo cunha enfermeira e 21 nenos expósitos grazas aos cales a Terra foi declarada zona cero de varíola pola Organización Mundial da Saúde.

  • Moluscopedia: estudo dos moluscos mediante actividades prácticas baseadas na observación directa e a manipulación de exemplares.

  • Pon as pilas: exploración do pequeno mundo escondido dentro dunha batería e como viaxa a enerxía para dar vida aos nosos distintos dispositivos.

  • Linfocitos e sistema inmune: que é e como funciona o sistema inmune e o papel que desempeñan os linfocitos.

  • As vacinas salvan vidas: xogos e paneis interactivos para explicar que son e como funcionan as vacinas.

  • A horta do capitán Nemo: tipos de algas que habitan as nosas costas, as súas características biolóxicas, a súa aplicación en biotecnoloxía.

  • O código secreto da vida: experimentos de extracción de ADN e diferentes xogos para explicar cal é a función desta molécula e como xera a gran diversidade que existe nos seres vivos.

  • Diversidade en focas: a través de xogos e actividades sinxelas explicarase a diversidade xenética que existe entre elas xerada por diferentes forzas evolutivas.

  • Os superpoderes do polbo: mediante varios xogos explicarase como a xenética e a evolución deron lugar ás incribles habilidades deste grupo de animais.

  • Xenética baixo o mar: xogos para comprender conceptos xenéticos básicos e imprescindibles como xenotipo, fenotipo, cromosomas ou variabilidade xenética.

A Feira está organizada por UDCiencia d+i, un grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña, en colaboración co Aquarium Finisterrae e o Concello. "Desde o goberno de Inés Rey animamos a toda a cidadanía a aproveitar esta marabillosa iniciativa para que grandes e maiores aprendan sobre o mar nunha contorna única como é o noso Aquarium", subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión