25 de setembro de 2026
O programa inclúe espectáculos de danza, teatro visual, música e monicreques entre setembro e decembro para bebés e crianzas de ata 6 anos
O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición de Bebescena Outono, o ciclo de artes escénicas destinado á primeira infancia que se desenvolverá no Centro Sociocultural Ágora entre os meses de setembro e decembro. O programa contará con cinco espectáculos de compañías de referencia que combinarán danza contemporánea, teatro visual, música, narración e monicreques para achegar as artes escénicas aos máis pequenos da casa. Todas as funcións terán lugar en sesión dobre, ás 11.30 e ás 13.00 horas, nun formato especialmente adaptado ás necesidades do público infantil e das súas familias.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que "Bebescena é unha das citas máis consolidadas da programación familiar municipal e unha ferramenta fundamental para garantir o acceso á cultura desde as primeiras etapas da vida". O edil sinalou ademais que "o Goberno de Inés Rey continúa apostando por unha oferta cultural diversa, de calidade e pensada para todos os públicos, incluídas as nenas e nenos máis pequenos, que tamén teñen dereito a vivir experiencias culturais adaptadas á súa idade".
As propostas desta edición abranguen diferentes linguaxes artísticas e están deseñadas para estimular a curiosidade, a imaxinación e a sensibilidade das crianzas a través do movemento, a música, a narración e o xogo escénico. Como vén sendo habitual no ciclo, os espectáculos desenvolveranse nunha disposición que favorece a proximidade entre artistas e público, creando unha experiencia cómoda, participativa e especialmente atractiva para a primeira infancia.
A programación comezará o 27 de setembro con 'Únicos', da compañía Date Danza, un espectáculo de danza contemporánea para público a partir dos 18 meses que invita a reflexionar sobre a identidade e a diversidade a través do movemento. O 18 de outubro chegará 'La Selva', de Teloncillo, unha proposta de teatro xestual e musical para bebés e crianzas de entre 6 meses e 5 anos que propón unha viaxe chea de animais, música e humor. A seguinte cita será o 8 de novembro con 'Canta, Buguina, canta!', creación de Marta Ortiz destinada a bebés de entre 0 e 6 meses, na que a poesía, as cancións, os contos e os estímulos visuais e sonoros se converten nunha primeira achega á literatura e á creación artística. Xa o 29 de novembro, o público poderá gozar de 'Lumiero', de La Menuda, unha proposta de teatro visual, musical e xestual que convida a descubrir o universo da luz e das sombras a través dun personaxe soñador e dun coidado universo escénico. O ciclo pecharase o 13 de decembro con 'Dedín, dedín, dedal malasombra', un espectáculo de monicreques e música en directo pensado para crianzas de entre 1 e 6 anos, no que os xogos, as cantigas, os contos e a participación do público son os grandes protagonistas.
As entradas xa están á venda a través de Ataquilla e dos puntos habituais de venda. O prezo xeral é de 6 euros, mentres que os menores de 3 anos, as persoas con discapacidade acreditada e un acompañante poderán acceder mediante entrada reducida de 2 euros. Tamén está dispoñible un abono de tres funcións por 15 euros. Con esta nova edición de Bebescena, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación cultural estable para as familias e pola creación de espazos de encontro arredor das artes escénicas desde os primeiros anos de vida.

24 de setembro de 2026

24 de setembro de 2026

23 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible