18 de xuño de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou que o obxectivo da actividade é “dar ferramentas para desenvolver habilidades, actitudes e estratexias prácticas que lles permitan ás persoas de todas as idades circular con confianza na súa contorna cotiá”
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe á actividade interxeracional de seguridade viaria que o Concello organizou no Colexio Karbo. A formación, pensada para impartir conxuntamente coñecementos e consellos a avós e netos, foi impartida por axentes da Policía Local como parte da campaña do Goberno municipal para previr accidentes de mobilidade na cidade, especialmente entre os segmentos de poboación máis vulnerables. A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz.
"Con estas formacións non queremos somentes trasladar coñecementos teóricos, queremos dar as ferramentas para desenvolver habilidades, actitudes e estratexias prácticas que lles permitan ás persoas de todas as idades moverse con confianza na súa contorna. O factor interxeracional é fundamental. O 70% das vítimas mortais de atropelo nas cidades son persoas de máis de 65 anos. Iso é algo que hai que cambiar. Nós, protexendo, e a cidadanía cumprindo as regras e os consellos dos que saben", subliñou Inés Rey.
A alcaldesa tamén remarcou o empeño do executivo local por avanzar cara a un modelo de mobilidade urbana que poña os peóns no centro, para facer unha cidade "que se poida pasear en todos os barrios e non só no centro".
Esta iniciativa ten como finalidade reforzar a autonomía e a seguridade das persoas maiores nos seus desprazamentos cotiáns e proporcionar ferramentas que lles permitan desenvolverse con confianza na contorna urbana e, á vez, iniciar o alumnado de educación infantil na dita autonomía e seguridade desde modelos de referencia próximos.
A proposta incorpora unha perspectiva interxeracional que favorece a aprendizaxe compartida entre persoas maiores e escolares dos primeiros cursos de educación primaria. A través desta iniciativa, promoverase a implicación das persoas maiores na formación dos máis pequenos para procurar fortalecer a conciencia colectiva sobre a importancia dunha mobilidade segura, accesible e respectuosa para todas as persoas.
"A tarefa das persoas que traballamos desde o Concello é crear as condicións para que os colectivos máis vulnerables poidan camiñar polas rúas tendo os coñecementos de como actuar en cada caso para non poñer en perigo a súa saúde e integridade física", engadiu Rey.

10 de xuño de 2026

9 de xuño de 2026

4 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible