3 de xuño de 2026
Baixo o lema “O cambio comeza no teu barrio”, a praza de Pablo Iglesias acollerá tres xornadas de actividades ambientais
Durante os días 4, 5 e 6 de xuño, O Castrillón acollerá tres xornadas de divulgación medioambiental organizadas polo Concello con motivo do Día de Medio Ambiente, que se celebra o venres 6 de xuño.
De 10.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas, na praza de Pablo Iglesias haberá actividades escolares, itinerarios ambientais polo barrio, obradoiros e outras iniciativas para deixar patente que a loita contra o cambio climático, que é o lema desta edición do Día Mundial do Medio Ambiente, pódese facer desde cada distrito con recursos que o Concello pon ao dispor da cidadanía.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, lembrou que "desde o ano pasado, o Goberno de Inés Rey busca achegar aos barrios máis actividades e eventos, e este é o caso do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebrou na súa edición do 2025 no barrio da Sagrada Familia e que este ano se traslada ao barrio do Castrillón".
As actividades previstas, totalmente gratuítas e para todas as idades, inclúen xogos, obradoiros con materiais reciclados, construción dun hotel de insectos e itinerarios polo barrio e polas zonas adxacentes para lembrar os múltiples recursos que ten ao seu alcance a veciñanza para loitar contra o cambio climático desde o barrio.
"O Castrillón e a súa contorna, como outros barrios da cidade, conta con múltiples recursos municipais, como unha estación da calidade do aire, un composteiro comunitario, estacións de Bicicoruña, hortos urbanos e outros elementos que podemos utilizar para que a cidade sexa máis sostible", dixo Neira.
Como actividade especial, o xoves 4 de xuño, ás 17.00 horas, terá lugar na Biblioteca do Centro Cívico do Castrillón a presentación do cómic "Un día no Monte da Fraga", da escritora e ilustradora Xulia Pisón, editado pola Universidade da Coruña coa colaboración do Concello.
Na Coruña reciclamos mellor
Ademais, durante os tres días estarán presentes as carpas informativas da nova campaña sobre separación de residuos que está a levar a cabo o Concello grazas aos fondos europeos Next Generation. Alén de información e obradoiros de reciclaxe para a cidadanía, repartiranse elementos destinados a facilitar a separación, a reutilización e a reciclaxe: bolsas reutilizables para a compra diaria, xogos de panos de cociña, cubos e bolsas específicas para a fracción orgánica e embudes para a reciclaxe de aceite.
As actividades vinculadas ao Día Mundial do Medio Ambiente terán continuidade con máis actividades o luns 8 de xuño polo Día dos Océanos.

28 de maio de 2026

15 de maio de 2026

12 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible