27 de xuño de 2026
O Goberno de Inés Rey reforza así a súa aposta polo deporte cunha actividade que súamase a ampla oferta deportiva municipal durante os meses de verán
A Coruña volverá facer do mar un dos grandes protagonistas do verán cunha nova edición de Coruña no mar, o programa municipal que achega á cidadanía a práctica de deportes náuticos e actividades vinculadas ao medio mariño a través dunha ampla programación gratuíta que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Impulsada polo Concello da Coruña a través da Concellaría de Deportes, esta iniciativa reafirma o compromiso do Goberno de Inés Rey coa promoción da actividade física, os hábitos de vida saudables e a posta en valor dun dos maiores patrimonios da cidade: o seu mar.
Se Coruña en forma converte praias, parques e prazas nun gran ximnasio ao aire libre, Coruña no mar dá un paso máis e transforma a lámina de auga da cidade nunha instalación deportiva única, aberta á cidadanía e ao servizo da aprendizaxe, do lecer activo e da práctica deportiva. A Coruña é unha cidade privilexiada pola súa relación histórica co mar.
"Poucas cidades poden presumir de contar cunha contorna marítima tan diversa e accesible, capaz de albergar actividades deportivas de tan distinta natureza como o surf, a vela, o windsurf, o pádel surf, o caiac, a pesca deportiva, o piragüismo ou a natación en augas abertas. O obxectivo do programa é precisamente achegar estas disciplinas á veciñanza e facilitar que cada vez máis persoas descubran as posibilidades deportivas que ofrece o litoral coruñés", apuntou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
A programación desenvolverase grazas á colaboración das principais entidades náuticas da cidade: Oza O Puntal, As Xubias, Náutico Marina Coruña, Real Club Náutico da Coruña, Club de Vela Playa de Oza e Club do Mar de San Amaro, así como dos clubs de surf locais Brava Surf e Son do Mar, entidades que representan o potencial deportivo e formativo do tecido náutico coruñés.
Ao longo do verán ofreceranse actividades de surf na praia do Orzán, cursos de vela lixeira e windsurf na enseada de Oza, sesións de pádel surf, piragüismo, caiac, pesca deportiva e numerosas propostas destinadas a que persoas de todas as idades se poidan iniciar ou perfeccionar a súa práctica deportiva no medio mariño. Unha das grandes novidades desta edición será a incorporación da natación en augas abertas, unha disciplina que se desenvolverá da man do Club Hércules XTRM.
Unha aposta estratéxica
Trátase dunha aposta estratéxica do Goberno municipal, que considera fundamental fomentar a aprendizaxe da natación e o coñecemento do medio mariño dende idades temperás.A incorporación desta modalidade busca non só promover a práctica deportiva, senón tamén contribuír á educación, á prevención e á creación dunha maior cultura marítima entre a cidadanía.
"O Goberno de Inés Rey considera que o deporte é unha ferramenta clave para mellorar a saúde física e emocional das persoas, favorecer a inclusión social e fortalecer a convivencia nos barrios. Neste sentido, Coruña no mar representa unha maneira innovadora de entender a actividade deportiva, aproveitando os recursos naturais da cidade para crear oportunidades de participación accesibles", engadiu Manuel Vázquez.
Ademais do seu valor deportivo, o programa contribúe a reforzar a identidade marítima da Coruña e a divulgar o extraordinario traballo que realizan durante todo o ano os clubs e as entidades náuticas da cidade. Grazas á súa implicación, centos de persoas poderanse achegar este verán a disciplinas que, en moitos casos, descubrirán por primeira vez. Con iniciativas como Coruña no Mar, o Concello continúa avanzando na súa estratexia de converter A Coruña nun referente en políticas deportivas municipais, promovendo un modelo de cidade activa, saudable e conectada coa súa contorna natural.
"Na Coruña o mar non é só unha paisaxe. É tamén unha das mellores instalacións deportivas da cidade e unha oportunidade única para que a cidadanía practique deporte, aprenda, desfrute e fortaleza a súa relación cun dos sinais de identidade máis importantes do noso territorio", rematou Vázquez.

26 de xuño de 2026

26 de xuño de 2026

25 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible