27 de abril de 2026
As saídas realizaranse os días 7, 8, 11 e 12 de maio, con itinerarios a Baiona e Pontevedra e a Lugo e Portomarín. As inscricións abriranse entre o 28 e o 30 de abril, segundo a data da excursión e o centro cívico de referencia
O Concello organiza unha nova programación de excursións culturais vinculada á rede municipal de centros cívicos, cun total de 1.080 prazas gratuítas destinadas a persoas maiores de 50 anos. A iniciativa inclúe dúas rutas diferentes, que se desenvolverán durante o mes de maio e que permitirán achegar as persoas participantes a diferentes espazos de interese cultural e patrimonial de Galicia.
A primeira das propostas terá lugar os días 7 e 8 de maio, cun percorrido por Baiona e Pontevedra. A segunda realizarase os días 11 e 12 de maio, con visitas a Lugo e Portomarín. En todos os casos, a saída será ás 9.30 horas desde a parada asignada a cada centro cívico e a chegada á Coruña está prevista a partir das 19.30 h.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que "estas actividades reforzan o papel dos centros cívicos como espazos de encontro, convivencia e participación activa nos barrios". Canosa subliñou tamén que "as excursións culturais permiten seguir promovendo o benestar, a socialización e o acceso á cultura entre as persoas maiores, cunha oferta gratuíta e descentralizada".
As inscricións deberán realizarse nas conserxarías dos centros cívicos, no horario de apertura. Poderán solicitalas persoas maiores de 50 anos, que deberán presentar o DNI para acreditaren a idade. Cada solicitante poderá reservar ata dous asentos, polo que a persoa acompañante poderá ter menos de 50 anos. No caso de acompañantes menores de 18 anos, deberán contar coa autorización correspondente e ir sempre acompañadas.
As visitas nas vilas de destino serán libres e a comida correrá por conta de cada persoa participante.
PROGRAMACIÓN COMPLETA POR DÍAS
Mércores, 7 de maio: Baiona e Pontevedra. Saída ás 9.30 h | Centros cívicos do Castrillón, Elviña, Monelos, Os Mallos e Labañou | Inscrición do 28 de abril ao 4 de maio
Xoves, 8 de maio: Baiona e Pontevedra. Saída ás 9.30 h | Centros cívicos de Novoboandanza, Os Rosales, San Diego, Monte Alto e Mesoiro | Inscrición do 28 de abril ao 5 de maio
Luns, 11 de maio: Lugo e Portomarín. Saída ás 9.30 h | Centros cívicos de Eirís, Cidade Vella, Palavea, Artesáns e Feáns | Inscrición do 30 de abril ao 6 de maio
Martes, 12 de maio: Lugo e Portomarín. Saída ás 9.30 h | Centros cívicos da Sagrada Familia, O Birloque, A Silva, Pescadores, San Pedro de Visma, Castro de Elviña, Santa Margarida e Santa Lucía | Inscrición do 30 de abril ao 6 de maio

24 de abril de 2026

22 de abril de 2026

17 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible