7 de xullo de 2026
O evento, organizado pola Asociación Cultural Son d’aquí, celebrarase do 10 ao 12 de xullo con concertos, obradoiros, foliada libre e actividades para todos os públicos
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación dunha nova edición do Serán d'aquí, organizado pola Asociación Cultural Son d'aquí e que se celebrará os días 10, 11 e 12 de xullo no Campo da Leña. No acto, que tivo lugar na sede do Club Deportivo Marte, no barrio de Monte Alto, participaron tamén diversas persoas integrantes da entidade organizadora.
O Serán d'aquí regresa consolidado como unha das citas de referencia da cultura tradicional galega na cidade, cun programa que combina música, baile, participación veciñal e convivencia durante tres xornadas. O evento conta coa colaboración do Concello da Coruña e mantén a súa vocación de espazo aberto e participativo, no que teñen cabida tanto as persoas que levan toda a vida vinculadas á tradición como aquelas que se achegan por primeira vez a ela.
Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou o labor desenvolvido por Son d'aquí ao longo da súa traxectoria e a capacidade da asociación para dinamizar a vida cultural de Monte Alto. "Desde o Goberno de Inés Rey seguiremos apoiando iniciativas que contribúen a preservar e difundir o noso patrimonio cultural, ao tempo que fortalecen os vínculos comunitarios nos barrios", sinalou.
O programa arrancará o venres 10 de xullo cunha xornada de concertos protagonizada por Son d'aquí, Mediarea e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, a partir das 20.00 horas. Xa o sábado 11, as escolas e escoliñas da asociación serán as protagonistas dunha mañá dedicada á música e ao baile tradicional. A programación continuará cunha sesión vermú, un obradoiro de baile e unha gran xuntanza musical na que participarán diferentes asociacións convidadas. A xornada rematará cunha foliada libre, un dos momentos máis representativos do Serán, aberto á participación espontánea de todas as persoas asistentes. O domingo 12 de xullo o Campo da Leña acollerá unha foliada popular a partir do mediodía e unha tarde de xogos tradicionais para nenos e nenas, poñendo o broche final a unha fin de semana dedicada á cultura popular galega.
A Asociación Cultural Son d'aquí naceu hai once anos en Monte Alto coa vontade de crear comunidade arredor da cultura tradicional galega. Desde entón, preto de 1.500 persoas formaron parte dunha entidade que desenvolve unha intensa actividade cultural e formativa, baseada no traballo voluntario das súas socias e socios.
Nesta edición volverá colaborar ASARGA (Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial), que contará durante toda a fin de semana cun posto informativo e de sensibilización sobre o sarcoma, reforzando así a dimensión social do evento.
Máis alá da programación cultural, o Serán d'aquí reivindica o espírito dos encontros tradicionais galegos como espazos de convivencia e participación colectiva. Tras once anos de historia, a cita continúa medrando e consolidándose como un referente cultural da cidade, mantendo vivo o obxectivo co que naceu: compartir, transmitir e celebrar a cultura tradicional galega como un patrimonio vivo e comunitario.

24 de xullo de 2026

23 de xullo de 2026

23 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible