23 de xullo de 2026
As familias con menores de 10 anos que asistan aos programas das 11.30 e 17.00 horas poderán levar este método indirecto para observar o Sol
Quedan menos de tres semanas para que A Coruña viva unha eclipse total de Sol, un evento natural único que terá lugar o mércores 12 de agosto e que non poderá volver observarse desde a cidade ata o ano 2180.
A eclipse comezará preto da posta de Sol, ás 19.30.50, e alcanzará a fase máis espectacular -a de totalidade- ás 20.27.35, cunha duración de pouco máis dun minuto, para rematar por completo ás 21.21.54. Durante todo o fenómeno, agás no breve intre da totalidade, non debe mirarse directamente ao Sol, xa que é posible perder visión.
Por iso, e tal como se vén subliñando desde o Concello nas últimas semanas, de cara á xornada da eclipse, os ollos deben protexerse con lentes de eclipse ou usando métodos indirectos de observación, como retransmisións do fenómeno na Internet ou usando caixas estenopeicas, que proxectan a luz do Sol.
Neste sentido, os servizos municipais están a insistir moito na necesidade de que haxa especial precaución coas nenas e nenos máis pequenos, xa que os seus ollos son moi sensibles aos raios solares e, ademais, pola posibilidade de que non lles encaixen ben as lentes de eclipse, polo que non está recomendado que as usen sós, sen supervisión adulta.
Por este motivo, desde este venres 24 de xullo, a Casa das Ciencias repartirá caixas automontables de ver eclipses ás familias con menores de 10 anos que acudan ás sesións infantís do Planetario (11.30 horas e 17.00 horas), para que as constrúan na casa e despois poidan utilizalas o día da eclipse. Esta é unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
Hai moitos tipos de caixas estonopeicas, ademais da que se vai repartir nas sesións do Planetario. Na canle oficial dos Museos Científicos Coruñeses en YouTube pódese consultar o proceso para a creación doutros modelos.
Cómpre lembrar que o Concello, a través da rede municipal de Museos Científicos Coruñeses, conta na súa web cunha páxina completa con toda a información que se precisa para observar a eclipse de forma segura, que se pode consultar nesta ligazón: Información sobre a eclipse total de Sol 2026 .
"Queremos que todos os coruñeses e coruñesas poidan gozar do espectáculo único da eclipse do 12 de agosto con total seguridade e nas mellores condicións, por iso o Concello leva meses organizando actividades formativas sobre a eclipse, e por iso temos organizado un dispositivo especial para esa xornada así como aplicacións que permiten a todos os cidadáns atopar os mellores puntos de observación en cada barrio", indicou a alcaldesa, Inés Rey.
Actividades relacionadas
Tamén che pode interesar

19 de xullo de 2026

14 de xullo de 2026

3 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible