Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2026

Solicitados todos os espazos destinados a asociacións e entidades da proba piloto na praia de Riazor

O Concello reforza a campaña de limpeza e concienciación do San Xoán co maior dispositivo de medios da súa historia

O operativo contará con máis contedores, puntos de reciclaxe e persoal informador, ademais de incentivos á cidadanía para fomentar boas prácticas ambientais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe a campaña de limpeza e concienciación do San Xoán, un operativo co que o Concello busca reducir os residuos e avanzar cara a unha celebración máis sostible. No acto estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira; a subdirectora xeral de Residuos e Economía Circular María González Lechuga; Bruno de Llano, en representación de Ecoembes; Alejandro López, xefe de servizo da UTE A Coruña Limpeza e Alejandro Puig, xefe de servicio da UTE Atlántica, concesionaria do contrato de recollida de residuos urbanos. 

Na presentación participaron tamén Mery Gómez García, coordinadora da área de Emprego da Cruz Vermella; Keinder Osmar Lozano Castro e Keisy Hernández Salazar, encargados do reparto de madeira; Vanesa Forja, Rosa Valió, Diego Álvarez e Francisco Castro, operarios de limpeza; así como Cristina Cabana e Luis Iglesias, monitores ambientais de Ecoembes e Ecovidrio.

A alcaldesa subliñou que este será "o San Xoán con máis medios ca nunca", cun dispositivo que inclúe o reforzo de contedores, sinalización e persoal informador para facilitar que a cidadanía adopte comportamentos responsables durante a noite máis multitudinaria do ano. Neste sentido, o Concello habilitará 25 puntos de residuos nas praias -21 situados en Riazor, Orzán e Matadoiro, dous en San Amaro e un en Oza-, aos que se suman oito puntos de reforzo nos barrios para o depósito de residuos especiais.

Co obxectivo de implicar á cidadanía, a campaña incorpora tamén incentivos directos á reciclaxe. Así, con Ecovidrio repartiranse 3.000 entradas para o Aquapark de Cerceda entre quen recicle vidro correctamente, mentres que Ecoembes sorteará 10 abonos do Básquet Coruña entre as persoas que depositen correctamente os envases. Ademais, haberá monitores ambientais nas praias e nos barrios que interactuarán coa cidadanía para facilitar a reciclaxe en tempo real. Esta acción complétase cunha campaña de concienciación en redes sociais, desenvolvida coa colaboración dos creadores de contido Champi Muros e Blondie Muser, orientada especialmente á mocidade.

No relativo á organización da noite de San Xoán, distribuiranse 120 toneladas de madeira a través de 14 puntos controlados, co fin de garantir un reparto ordenado e seguro. Ademais, instalaranse arredor dun cento de aseos portátiles nas praias e manteranse abertos durante toda a noite os aseos fixos de Riazor. A falta dun día para a celebración, hai 517 peticións de fogueiras para San Xoán. A alcaldesa destacou tamén o traballo de prevención e seguridade levado a cabo tanto pola Policía Local como polos Bombeiros.

O dispositivo contempla tamén medidas de accesibilidade, con espazos habilitados para persoas con mobilidade reducida nas praias de Riazor e Oza, co obxectivo de garantir unha festa inclusiva.

En canto á proba piloto que o Concello levará a cabo na praia de Riazor, unha vez finalizado o prazo de solicitude de espazos, as 55 áreas foron asignadas a diferentes entidades e asociacións interesadas. Deste xeito, agrupacións como ASPRONAGA, África Universal ou a Asociación Comercial e Hostalería Cidade Escolar, Labañou e Riazor dispoñerán dun espazo asignado e accesible onde celebrar o San Xoán. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á limpeza das praias tras as celebracións, pois as entidades solicitantes teñen a obriga de limpar os espazos unha vez abandonen o areal.

Como é habitual, o operativo de limpeza intensivo comezará desde primeira hora da mañá do día 24, a partir das 6.00 horas, para recuperar a normalidade nos areais e espazos públicos no menor tempo posible. Inés Rey destacou o papel dos equipos de limpeza e das entidades colaboradoras, e fixo un chamamento á corresponsabilidade da cidadanía: "O Concello pon os medios e a organización, pero un San Xoán limpo depende da implicación de todas e todos", sinalou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión