28 de agosto de 2026
Esta acción ten como obxectivo crear unha folla de ruta para reforzar e promover o uso do galego na cidade tanto no ámbito cotián como no institucional
O Concello sacou a licitación a asistencia técnica para elaborar o Plan de normalización lingüística, unha directriz que ten como obxectivo definir e coordinar un conxunto ordenado de medidas dirixidas a promover o uso do galego na cidade da Coruña. O orzamento base de licitación é de case 50.000 €, e o prazo de execución de catro meses.
"O compromiso deste goberno co galego é claro, e demostrámolo cada día desde o ámbito da comunicación institucional e desde o apoio a iniciativas que promovan o arraigamento cultural e a identidade galega entre a cidadanía. Con este plan de normalización lingüística, damos un paso máis na consolidación e na ampliación deste compromiso", subliñou a alcaldesa, Inés Rey, que recordou tamén que o Concello, baixo o seu goberno, aprobou a primeira ordenanza de uso de galego na Coruña.
Esta acción reforza cun marco e plan de acción definido o cumprimento da ordenanza reguladora do uso da lingua galega, aprobada polo Pleno no ano 2021, e que supuxo a reafirmación dun compromiso explícito coa defensa da lingua desde o ámbito institucional.
Os obxectivos do Plan inclúen promover que o galego sexa a lingua habitualmente usada polo Concello en todos os seus ámbitos; garantirlle á cidadanía coruñesa o seu dereito a poder vivir con normalidade o uso cotián da lingua; e conseguir máis funcións sociais e maiores espazos de uso para o galego na Coruña fomentando a súa presenza en sectores estratéxicos.
Máis alá dos obxectivos xerais, o Plan de Normalización Lingüística deberá presentar e detallar unha análise concreta da situación sociolingüística no Concello, con medidas concretas que se implantarán co fin de mellorar as condicións de uso, e facer un seguimento do cumprimento dos obxectivos marcados. O plan levarase a cabo a través dun proceso participativo no que interveñan activamente os axentes sociais e administrativos. Para obter os datos de diagnóstico, a empresa adxudicataria realizará tamén un estudo demoscópico que apoiará así con datos cuantitativos o plan de acción que se vai desenvolver.

27 de agosto de 2026

25 de agosto de 2026

21 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible