Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xaneiro de 2024

O Concello solicitaralle á Xunta a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte que mellore as conexións entre A Coruña e os municipios da área

A moción, que se debateu este xoves na sesión ordinaria do Pleno, foi aprobada cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e o BNG

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, o primeiro deste ano, e no cal se abordou en forma de moción a necesidade de mellorar a mobilidade entre a cidade e a súa área metropolitana.

O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, iniciou a súa intervención lembrando que "A Coruña funciona como polo de referencia para os concellos da contorna, no eido laboral, educativo, sanitario, do ocio e os servizos, o que supón que ducias de milleiros de persoas residentes noutros municipios entran e saen a diario da nosa cidade".

A área metropolitana da Coruña está integrada por dez concellos (A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Cambre, Sada, Betanzos, Bergondo, Carral e Abegondo), no que residen, aproximadamente, 420.000 persoas.

Neste sentido, Lage demandoulle á Xunta de Galicia, que é a Administración competente no referente ao transporte metropolitano, "que se implique e asuma que as liñas e frecuencias se teñen que deseñar en coordinación cos concellos, cunha planificación de futuro. Hai unha eiva que debe ser corrixida, e unha das patas sobre as que debe pivotar a solución é a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte".

Colaboración interadministrativa para garantir avances en materia de mobilidade

Lage incidiu hoxe nas medidas en materia de mobilidade promovidas desde o Goberno de Inés Rey que supuxeron "avances reais que facilitan a vida da cidadanía". E puxo como exemplo as liñas de autobús urbano que chegan a Meicende e Santa Cristina, localidades situadas en concellos lindeiros como Arteixo e Oleiros, respectivamente.

O voceiro do Goberno municipal tamén destacou a colaboración interadministrativa establecida co Estado: "Se falamos de axudas e compromisos orzamentarios, esta cidade só tivo a colaboración do Goberno de España, coa bonificación das tarifas no transporte urbano". Cómpre lembrar que, a finais do 2023, a Xunta de Goberno Local aprobou darlle continuidade á bonificación municipal do 20% do custo na tarifa do autobús urbano, unha bonificación asumida polo Concello e necesaria para obter a bonificación do 30% estatal. Desta forma, as tarifas reducidas seguirán vixentes, como mínimo, ata finais de decembro deste ano 2024.

A estación intermodal da Sardiñeira como posible "revulsivo"

Na súa quenda de intervención durante o debate, Lage apuntou á construción da estación intermodal como "un revulsivo para a comunicación coa contorna". Porén -continuou-, "e aínda que estamos diante dun punto de inflexión, non é suficiente. Precisamos unha planificación para garantir melloras, e que a Xunta resolva dun xeito efectivo as necesidades de transporte da poboación periurbana, porque o problema de mobilidade que temos no conxunto da área metropolitana é real, e é un asunto que nos afecta a todas e a todos".

A moción foi aprobada cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e o BNG. O Partido Popular votou en contra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión