13 de agosto de 2026
Formacións de Botsuana, Filipinas, Armenia e Perú participan este ano nun dos eventos culturais máis emblemáticos das Festas de María Pita
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe no Palacio Municipal de María Pita a recepción oficial ás agrupacións participantes na 39ª edición do Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña, unha das citas máis consolidadas e representativas da programación das Festas de María Pita. No acto participaron representantes das formacións chegadas desde Botsuana, Filipinas, Armenia e Perú, así como da Asociación de Coros e Danzas Eidos, entidade organizadora do certame.
A rexedora deu a benvida ás delegacións internacionais e agradeceu o seu esforzo por manter vivas as tradicións populares dos seus países. "O Festival Internacional de Folclore é unha das expresións máis fermosas da vocación aberta e acolledora da Coruña. Durante estes días teremos a oportunidade de coñecer culturas moi distintas a través da música, da danza, da indumentaria e das tradicións que representades", sinalou Inés Rey.
A alcaldesa destacou que este festival forma xa parte da identidade cultural da cidade e das súas festas. "As Festas de María Pita non se entenderían sen unha cita coma esta, que converte a Coruña nun punto de encontro entre pobos e culturas de diferentes continentes. É unha celebración da diversidade e tamén unha oportunidade para descubrir todo o que nos une a través da cultura", afirmou.
Nesta edición participan a agrupación Ngwao Letshwao Performing Arts, de Botsuana; a Pasacat Philippine Performing Arts Company, de Filipinas; o Traditional Dance Ensemble Hachn, de Armenia; e Identidad Perú Taller de Danza, de Perú, ademais da Asociación de Coros e Danzas Eidos, anfitrioa do festival.
Rey quixo facer tamén un recoñecemento especial á traxectoria de Eidos, promotora e organizadora do evento desde hai décadas. "Grazas ao traballo constante da Asociación de Coros e Danzas Eidos, a Coruña converteuse nun referente internacional do folclore e do intercambio cultural. Este festival é hoxe unha das grandes tradicións do noso calendario festivo e cultural", subliñou.
As actuacións do festival comezaron este mércores no Campo da Leña coa gala inaugural, na que participaron todas as agrupacións convidadas. O programa prolongarase ata o domingo 16 de agosto con representacións, desfiles e actuacións en diferentes espazos da cidade, incluída a praza de María Pita.
Programación completa
Mércores, 12 de agosto - Campo da Leña - 18.00 horas
Xoves, 13 de agosto - Campo da Leña - 20.00 horas
Venres, 14 de agosto - Praza de María Pita - 20.00 horas
Sábado, 15 de agosto - Campo da Leña - 20.00 horas
Domingo, 16 de agosto - Praza de María Pita - 20.00 horas

12 de agosto de 2026

11 de agosto de 2026

11 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible