Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de novembro de 2025

O Nadal chega ao mercado municipal de Elviña, que esta mañá acendeu o seu alumeado de cara ás festas

Rosa Otero, nomeada en outubro Filla Adoptiva da cidade, foi a gran protagonista do acto, no que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da asociación de comerciantes, Leonardo Tomé

O Nadal da cidade da Coruña xa está en marcha. Tras o acto oficial de acendido de luces que tivo lugar onte en María Pita, coa participación do exfutbolista deportivista Bebeto, esta mañá celebrouse unha das citas tradicionais destas datas: o acendido do alumeado festivo do mercado municipal de Elviña, no que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas.

No acto, organizado pola Asociación de Comerciantes do Mercado de Elviña, con Leonardo Tomé á fronte, tamén tomou parte a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Rosa Otero, que foi nomeada Filla Adoptiva da cidade en outubro deste ano, sendo a primeira muller na historia da Coruña en obter este recoñecemento.

Na súa intervención, Inés Rey puxo en valor "os méritos e traballo desinteresado de Rosa durante toda a súa vida", lembrando o seu papel para recoñecer ás amas de casa e mulleres traballadoras que, "a un lado ou o outro do mostrador, fixeron todo o posible por sacar ás súas familias adiante".

A rexedora tamén incidiu na profesionalidade e traballo diario das e dos praceiros, "persoas que dan vida a un mercado que é moito máis que un espazo comercial, porque tamén é un punto de encontro e interrelación social para a veciñanza e un piar fundamental para dinamizar os barrios próximos".

Pola súa banda, Leonardo Tomé fixo fincapé no legado de Rosa Otero para o conxunto da cidade, "sendo unha veciña á que temos especial cariño e coa que cómpre destacar o seu valor como unha persoa loitadora".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión