20 de febreiro de 2026
A competición reunirá arredor de 260 patinadores e patinadoras de 14 clubs da provincia da Coruña nunha cita clave para o impulso do deporte base
O pavillón de Monte Alto será escenario esta fin de semana, os días 21 e 22 de febreiro, da I Fase de Niveis de Patinaxe Artística - Coruña Norte, organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe.
Na sede coruñesa, a competición desenvolverase en tres xornadas independentes: o sábado en horario de mañá (das 10.00 ás 14.30 horas) e de tarde (das 16.30 ás 21.30 horas), e o domingo en horario de mañá (das 10.00 ás 14.30 horas). Está prevista a participación aproximada de 260 patinadores e patinadoras procedentes de 14 clubs da provincia da Coruña.
Trátase dunha competición de base cuxo obxectivo é fomentar a práctica deportiva e favorecer o desenvolvemento técnico da patinaxe artística desde as primeiras etapas formativas, contribuíndo á consolidación de valores como o esforzo, a disciplina e o compañeirismo.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas: "O deporte base é unha prioridade para este concello. Probas coma esta permiten que centos de rapazas e rapaces teñan a oportunidade de competir, medrar e gañar experiencia nunha contorna organizada e segura, co que se fortalece ademais o tecido deportivo da nosa cidade".
A celebración desta fase na Coruña reforza o compromiso municipal co impulso do deporte formativo, liña estratéxica recollida nas políticas impulsadas polo Goberno de Inés Rey para promover hábitos de vida saudables.

21 de febreiro de 2026

20 de febreiro de 2026

19 de febreiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible