1 de setembro de 2026
Gonzalo Castro destacou o impacto do festival, que atrae público de toda España e de varios países europeos
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na presentación dunha nova edición do Recorda Fest, que volverá converter o peirao de Batería nun dos grandes escenarios musicais do final do verán coruñés. O festival reafírmase como unha das citas máis consolidadas do calendario cultural da cidade e como un dos eventos con maior capacidade de atracción de público de fóra da urbe.
Durante a presentación, Gonzalo Castro puxo en valor a evolución experimentada polo festival nos últimos anos. "O Recorda Fest é xa un festival plenamente consolidado, unha cita imprescindible dentro da programación musical da cidade e a gran festa que pecha o verán cultural na Coruña", sinalou. O edil estivo acompañado polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e a promotora do festival, Olga Lamas.
O edil destacou tamén a importante repercusión turística do evento, que se converteu nun dos principais motores de atracción de visitantes durante as últimas semanas da tempada estival. Segundo os datos de venda de entradas facilitados pola organización, máis da metade do público procede de fóra da provincia da Coruña e rexistráronse compras nas 52 provincias españolas, ademais de Ceuta e Melilla. "O Recorda Fest é hoxe un dos festivais que máis público atrae de fóra da cidade. Iso supón un impacto moi importante para a hostalaría, o comercio e a actividade económica local, ademais de contribuír a reforzar a imaxe da Coruña como destino cultural e musical de referencia", afirmou Castro.
O festival conta tamén cunha crecente proxección internacional. Ata o momento, a organización confirmou a venda de entradas en países como Francia, Alemaña, Suíza, Italia, Portugal e Bélxica, o que reforza a capacidade do evento para proxectar a cidade máis aló das súas fronteiras.
Castro destacou ademais o carácter interxeracional do Recorda Fest. "Unha das súas grandes fortalezas é a capacidade para reunir públicos de diferentes idades arredor da música. É un festival pensado para todas as xeracións, un espazo de encontro onde conviven diferentes estilos musicais e onde persoas de perfís moi distintos comparten unha mesma experiencia", explicou.
O Goberno de Inés Rey continúa apostando polo impulso dos grandes festivais musicais como unha das liñas estratéxicas da programación cultural da cidade. Neste sentido, o concelleiro lembrou que eventos como o Recorda Fest contribúen a reforzar o posicionamento da Coruña como un dos principais polos musicais do noroeste peninsular.
O cartel desta edición volverá reunir artistas e bandas de diferentes xeracións e estilos musicais, reforzando o carácter interxeracional que define ao festival. Na xornada do venres actuarán Cali y El Dandee, Juan Magán, La M.O.D.A., Sidecars, Mafalda Cardenal e Pavlenha, ademais do formato especial Recorda Sessions, que reunirá sobre o escenario a Raúl, Natalia, Selena León, Fran Perea, Ella Baila Sola e David Civera. O sábado será a quenda de Hombres G, Marlon, Taburete, Galician Army, Hey Kid, Hyn e Inazio, xunto á sesión especial Modo Perreo e a actuación de Álvaro de Luna como Bonus Track.

20 de agosto de 2026

11 de agosto de 2026

14 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible