10 de abril de 2026
Keepers, Five Pipers, Here Comes The Pain, Baila Cuchillo, Graxa, Ewaric, Replicantes e Penitence In Darkness tomarán parte do concurso, coa actuación no festival como principal premio
A batalla de bandas do festival Flores Rock xa está en marcha tras a selección das oito formacións que actuarán o vindeiro 16 de maio na praza do Sol Nacente do Barrrio das Flores. As bandas loitarán, entre outros premios, por formar parte do cartel definitivo do festival que se celebrará os días 4 e 5 de setembro.
O Concello da Coruña organiza xunto coa Plataforma Veciñal do Barrio das Flores este evento, "seguindo as directrices marcadas por Inés Rey para acadar unha ampla diversidade na programación musical da cidade apostando por un xénero, o rock, que cambiou a historia da música", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. "Este é un traballo desde a base, que cohesiona socialmente á comunidade en torno a un festival que os veciños sinten como propio", engadiu Castro. O Flores Rock vén consolidándose como unha proposta musical de gran relevancia, con actuación de artistas contrastados como Soziedad Alkohólica".
Keepers, Five Pipers, Here Comes The Pain, Baila Cuchillo, Graxa, Ewaric, Replicantes e Penitence In Darkness son as oito formacións que actuarán na batalla de bandas. A primeira e a segunda banda clasificadas, ademais de participar no festival xunto a grandes formacións que serán anunciadas proximamente, conseguirán unha sesión de gravación dun videoclip e unha experiencia nun estudio de gravación, respectivamente.
As bandas seleccionadas actuarán en directo, cunha presentación de 25 minutos onde se admitirá un máximo de dúas versións de temas non orixinais. O xurado estará composto por cinco membros que contarán cun representante do IMCE, un/ha promotor/a musical dunha sala de concertos da cidade, un representante dun estudo de gravación da cidade, un representante dunha empresa de gravación de vídeo da cidade e un representante experto designado pola organización.

9 de abril de 2026

9 de abril de 2026

9 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible