Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de maio de 2026

A cita, que terá lugar o sábado 30 de maio no Parc Central, supón a primeira presenza da OSG en Andorra e destaca pola colaboración entre os músicos novos da Orquestra Xove e o Coro da OSG, dirixido por Javier Fajardo

O Coro da OSG e a Orquestra Xove viaxan por primeira vez a Andorra para interpretar Carmina Burana en ClàssicAnd 2026

O Coro da OSG e 43 músicos da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia desprazaranse a Andorra a Vella para participar nunha gran produción sinfónico-coral xunto á ONCA e ao Coro Infantil Amics de la Unió de Granollers

O Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia viaxarán esta semana a Andorra para participar na interpretación de Carmina Burana, de Carl Orff, dentro da programación de ClàssicAnd 2026, o festival internacional que se celebra no Principado de Andorra. "Este é un fito histórico para a Orquestra Sinfónica de Galicia e para A Coruña, porque leva por primeira vez o talento das nosas formacións a Andorra e proxecta internacionalmente a excelencia cultural da nosa cidade", indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

O concerto terá lugar o sábado 30 de maio ás 20.30 horas no Parc Central de Andorra a Vella, e reunirá no escenario a ONCA - Orquestra Nacional Clásica de Andorra, a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, o Coro da OSG e o Coro Infantil Amics de la Unió de Granollers, baixo a dirección musical de Josep Caballé Domenech.

A participación neste proxecto supón un fito para a OSG, xa que será a primeira vez que formacións vinculadas á institución actúen en Andorra. Para esta produción desprazaranse desde Galicia máis dun cento de persoas, entre integrantes do Coro da OSG, músicos da Orquestra Xove e equipo técnico e artístico.

A cita ten ademais un especial valor artístico e formativo, ao reunir novamente sobre o escenario os músicos novos da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia co Coro da OSG, unha formación estable cunha ampla traxectoria no repertorio sinfónico-coral. Esta colaboración entre xeracións reflicte unha das liñas fundamentais de traballo da OSG: a transmisión de experiencia, o acompañamento do talento novo e a creación de proxectos artísticos de gran formato.

Carmina Burana, unha das obras máis populares e impactantes do repertorio do século XX, combina a forza da orquestra, a potencia do coro e a teatralidade da palabra cantada. O seu célebre inicio, O Fortuna, converteuna nunha partitura recoñecible para públicos moi diversos, pero a obra completa ofrece un percorrido de enorme enerxía rítmica e expresiva.

A presenza do Coro da OSG e da Orquestra Xove en ClàssicAnd reforza a proxección exterior da Sinfónica de Galicia e sitúaa nun contexto internacional de colaboración con outras institucións musicais. Tras os recentes proxectos desenvolvidos en Galicia, esta actuación en Andorra abre unha nova oportunidade para mostrar o traballo das agrupacións vinculadas á OSG fóra do seu territorio habitual.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión