25 de novembro de 2015
O luns 30 haberá un encontro formativo entre os corpos de seguridade, xustiza e persoal dos servizos do CIM e Rede de Acollemento para o tratamento dos casos de violencias machistas
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou esta mañá na presentación da xornada “As boas prácticas na prevención das violencias machistas: coñecer e educar na igualdade”, enmarcada na programación da campaña Novembro Libre de Violencias Machistas. Os parladoiros, que teñen lugar no Fórum Metropolitano, desenvolvese no Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Aínda que a concelleira quixo destacar que “non quere centrar o traballo en datas concretas”, amosou o seu interese en “aproveitar este día para visualizar o traballo contra as violencias machistas”. A xornada ten como obxectivo profundar na conciencia crítica con estas violencias e sensibilizar á comunidade educativa da relevancia da prevención. “Se non é a única, a educación si é a máis importantes das ferramentas que temos para levar a cabo o cambio social desde a raíz que queremos conseguir”, sinalou a concelleira. “Unha cousa é facer acompañamento desde a área, pero o obxectivo é evitar que pase no futuro”, destacou diante dun auditorio ateigado de xente moza e do ámbito educativo, á que se dirixiu para expresar “quen tedes as ferramentas do cambio sodes vós, na xente nova está o cambio que buscamos”.
Fraga fixo fincapé que a prevención “ten que pasar por traballar coa xente nova e a que eduque as vindeiras xeracións para que entendan que o sistema patriarcal nos atravesa a todos e todas, e nos leva a ter todo tipo de condutas que non sempre valoramos”, referíndose a todos aqueles comportamentos habituais “como as críticas ás características ou atributos da personalidade van forzando a creación de identidades e personalidades violentas con respecto á cuestión de xénero, o que no futuro deriva en comportamentos graves que derivan en asasinatos, que son a punta deste iceberg”, apuntou. A concelleira puxo enriba da mesa tamén o “preocupante” incremento de violencias machistas entre a mocidade, das que destacou o “uso das ferramentas tecnolóxicas nestas ideades para empregar mecanismos de control”.
Rocío Fraga lembrou tamén que as liñas de actuación desde a Administración local deben servir para fomentar que “a sociedade demande cambios ás administracións que teñen as competencias lexislativas e orzamentarias·--Xunta e Estado español--, xa que son quen poden cometer estas actuacións”. “Ten que haber un cambio lexislativo fondo, a separación entre igualdade e violencia de xénero foi útil no seu momento, pero quedou obsoleta. Todo o que salte a Lei de Igualdade, que marque onde e como se produzan as discriminacións e como abordalas, é violencia de xénero. Saltala é unha agresión contra as mulleres e contra quen sofre estas violencias. Hai que revisar todo o sistema e facer un profundo cambio no mesmo”, afirmou.
Xornada coas forzas de seguridade
A campaña ‘Novembro Libre de Violencias Machistas’ continuará até o vindeiro luns, 30 de novembro, no que se desenvolverá unha xornada para o tratamento das violencias machistas desde as institucións e organismos públicos. Nesta ocasión, a Concellería de Igualdade e Diversidade organizará unha serie de mesas redondas nas que se afondará no tratamento e intervención desta situación desde a Policía Local. Na xornada participarán, ademais deste corpo, a Policía Nacional, Guardia Civil, persoal dos Xulgados e persoal do servizos do CIM e Rede de Acollemento. A xornada, segundo a concelleira Fraga, será “o punto de partida” para o traballo conxunto do deseño dos protocolos e liñas de actuación no ámbito das violencias machistas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible