12 de maio de 2025
O Concello habilitará unha pasarela peonil provisional no contexto das obras, que contarán cun investimento dun millón de euros
A alcaldesa, Inés Rey informou hoxe da saída a concurso das obras de renovación na pasarela peonil que sobrevoa Alfonso Molina e conecta as instalacións actuais da estacións de buses coa contorna da intermodal.
A rexedora explicou que os traballos na pasarela forman parte do abano de actuacións complementarias ás obras na propia intermodal, con intervencións nos accesos e os percorridos próximos á estación. Por exemplo, na avenida da Sardiñeira e na Agra dos Mallos, onde se está a construír unha nova vía coa avenida de Arteixo.
Tamén é o caso da pasarela que une a rúa Cabaleiros coa praza de Madrid, unha infraestrutura clave que soporta boa parte do tránsito peonil que vai e vén dende, por exemplo, Catro Camiños e a propia estación de buses.
"A pasarela xa ten os seus anos e, en consecuencia, é preciso actuar para mellorar a súa accesibilidade e, de paso, intervir sobre as súas partes máis desgastadas. Non é nada novo e, de feito, vimos traballando nesta liña noutras pasarelas peonís da cidade como a que conecta A Falperra coa Santa Margarida sobre a rolda de Nelle, a que sobrevoa a avenida da Pasaxe cara ao hospital San Rafael", detallou a alcaldesa.
Os traballos nesta pasarela levaranse a cabo nos próximos meses, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil. Rey destacou que o contrato que sae a licitación supón un investimento de máis dun millón de euros.
Ademais, a alcaldesa avanzou que, durante as obras sobre a estrutura, o Concello habilitará unha pasarela peonil provisional "que, segundo os nosos cálculos, estará operativa durante seis meses". Rey apuntou que está medida é fundamental, "porque moitas das pezas de chapa e as varandas da pasarela actual precisan intervencións de revisión e, atendendo aos informes técnicos do Concello, na meirande parte delas é preciso pulilas, reforzalas e sometelas a tarefas de soldadura en taller". Ademais, na superficie de paso renovaranse os materiais do pavimento, para facelo máis duradeiro e resistente fronte á corrosión.
"Obviamente, é imprescindible manter a conexión peonil sobre Alfonso Molina e, por iso, o contrato reflicte a instalación desta pasarela provisional, polo que quero recalcar que o itinerario peonil non se interromperá en ningún caso", concretou Rey.
18 de xuño de 2025
18 de xuño de 2025
11 de xuño de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible