Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de abril de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do 22 de abril até as 07:00 horas do 25 de abril

CONTROL DE NORMAS DE CONVIVENCIA

- Ás 01.05 horas do 22 de abril, unha dotación da Policía Local tramitou unha denuncia aos moradores dunha vivenda sita na rúa A Paz, por celebrar unha festa coa música a un volume moi elevado que perturbaba o descanso da veciñanza, o que supón unha infracción da Ordenanza de protección contra a contaminación acústica.

- Ás 01.05 horas do 23 de abril, identificouse a un home, de 39 anos e veciño desta cidade, por ouriñar na rúa San Andrés, infrinxindo así a Ordenanza municipal de xestión de residuos sólidos e limpeza viaria.

- Ás 19.40 horas do 23 de abril, unha patrulla trasladouse ata un domicilio na Ronda de Nelle, na zona da confluencia coa avenida das Conchiñas, debido ás numerosas queixas de veciños recibidas na Sala do 092 polo elevado volume da música procedente dunha vivenda.  Xa no lugar, a dotación comprobou os feitos e entrevistouse co responsable do ruído, que alegou que, como era domingo, tiña dereito a facer festa. A dotación identificou e denunciou a esta persoa por infrinxir a Ordenanza de protección contra a contaminación acústica.

DISPOSITIVO ESPECIAL NA ZONA DE LECER NOCTURNO DE XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ E ZONAS DE LECER NOCTURNO

No dispositivo nocturno denunciáronse 27 vehículos por estacionar en zonas peonís, pasos de peóns ou xardíns. Así mesmo, controlouse o peche e desaloxo de varias discotecas e pubs da cidade como os da zona de rúa Socorro, Orzán, Pasadizo do Orzán e contiguas.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 03:00 horas do 23 de abril, unha dotación deu o alto a un turismo que estaba a realizar unha condución anómala na rúa Ronda de Outeiro, na contorna da Estación de ferrocarril. O seu condutor presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas, polo que se deu aviso ao equipo de Atestados que lle practicou as probas de impregnación alcohólica. Este home, de 40 anos e veciño da Coruña, arroxou un resultado positivo (0.45 e 0.44 mg/l), polo que foi sancionado con 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de conducir. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Rover 25, fíxose cargo unha coñecida do condutor, habilitada para conducir e en condicións normais.

- Ás 04.20 horas do 23 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo na Praza de Pontevedra e, ao detectar que o seu condutor, un veciño da Coruña de 28 anos, presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas, deu aviso ao equipo de Atestados. Este condutor arroxou un resultado positivo (0.63 e 0.65 mg/l), polo que poderá ser sancionado con 1.000 euros e coa retirada de 6 puntos do permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor, habilitado para conducir e en condicións normais.

- Ás 05:20 horas do 23 de abril, unha dotación policial deu o alto a unha motocicleta que estaba a realizar unha condución anómala na rúa avenida de Buenos Aires e detectou que o seu condutor presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas. O equipo de Atestados realizoulle as probas de impregnación alcohólica a este condutor, veciño da Coruña e de 28 anos, quen arroxou un resultado positivo (0.54 e 0.51 mg/l), polo que poderá ser sancionado con 1.000 euros e coa retirada de 6 puntos do permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor, habilitado para conducir e en condicións normais.

- Ás 23:05 horas do 23 de abril, o equipo de Atestados foi requirido para que se trasladase ás dependencias do Corpo Nacional de Policía, sitas na rúa Médico Devesa, para realizar as probas de alcol e drogas a un condutor que detiveran por atentado a axentes da autoridade, tras darlle o alto por circular a unha velocidade excesiva pola avenida Salgado Torres. O condutor, un home de 22 anos e veciño de Mera, arroxou un resultado negativo en alcol e positivo en drogas, por presenza de cannabis no organismo, polo que se lle tramitou denuncia administrativa que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo unha coñecida do condutor, habilitada para conducir e en condicións normais.

- Ás 07:30 horas do 24 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo na avenida Alfonso Molina, cuxo condutor presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas, polo que se lle realizaron as probas de alcol. Este veciño da Coruña, de 41 anos, arroxou nestas un resultado positivo (0,59 e 0,58 mg/l), polo que se lle tramitou denuncia administrativa que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Audi A3, fíxose cargo unha coñecida do condutor habilitada para conducir e en condicións normais.  

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 10:35 horas do 24 de abril, unha dotación da Policía Local deu o alto a un turismo na Ronda de Outeiro, á altura da confluencia coa rúa Igualdade, tras recibir o aviso da Sala Operativa do 092, onde se recibiran varias chamadas informando de que o referido vehículo circulaba dun xeito anómalo. A patrulla detectou que o condutor presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas, polo que se deu aviso ao equipo de Atestados. O condutor, veciño da cidade e de 26 anos, arroxou uns resultados positivos (0,79 e 0,71 mg/l), polo que se instruíron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Ford Fusión, fíxose cargo unha coñecida do condutor.

- Ás 20:45 horas do 24 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo á altura do número 5 do Lugar de Feáns e comprobou que o seu condutor, veciño da cidade e de 25 anos, perdera a vixencia da súa autorización administrativa para conducir por resolución xudicial. A dotación tramitou dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo que conducía, da marca e modelo Fiat 600, foi inmobilizado preventivamente e retirado por un guindastre ata o Depósito municipal.

- Ás 04:30 horas do 25 abril, unha dotación deste Corpo deu o alto a un turismo na avenida Pedro Barrié de la Maza, á altura da súa confluencia coa rúa Sol, e detectou que o seu condutor presentaba signos de ter inxerido bebidas alcólicas polo que deu aviso ao equipo de Atestados. O condutor deste vehículo, un home, veciño de Aranga e de 45 anos, arroxou uns resultados positivos (0,62 e 0,60 mg/l), polo que se lle tramitou denuncia administrativa que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo que conducía, da marca e modelo Mercedes SLK, foi inmobilizado preventivamente e retirado por un guindastre ata o Depósito municipal.

- Ás 05:45 horas do 25 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo que non respectara a luz vermella dun semáforo da avenida Buenos Aires, polo que foi denunciado administrativamente. Así mesmo, detectouse que este condutor presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas, polo que se deu aviso ao equipo de Atestados. Este veciño de Cangas, de 31 anos, arroxou un resultado positivo (0,96 e 0,92 mg/l), polo que se lle instuiron dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria polo procedemento de xuízo rápido. O vehículo que conducía, da marca e modelo Seat Ibiza, foi inmobilizado preventivamente e retirado por un guindastre ata o Depósito municipal.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión