Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de maio de 2026

A Coruña acollerá o 17 de outubro o único concerto en Galicia da xira de ‘O Cuarto’, o seu novo traballo discográfico

Tanxugueiras encóntranse co público coruñés este xoves 14 no Teatro Colón para presentar o seu novo álbum

A cita, conducida por Carolina Iglesias, incluirá a proxección dunha peza audiovisual, un coloquio aberto e unha firma de discos que se poderán adquirir exclusivamente no evento

Este xoves, 14 de maio, o Teatro Colón acollerá a presentación oficial de 'O Cuarto', o novo traballo discográfico de Tanxugueiras. Unha xornada de "escoita íntima" e encontro e diálogo nun coloquio moi especial onde Sabela, Olaia e Aida compartirán as historias que atravesan esta nova etapa artística.

O evento, que forma parte da programación da Festa das Letras, arrancará coa proxección da peza audiovisual que acompaña ao disco e que permitirá ás e aos asistentes penetrar no universo narrativo do proxecto antes de dar paso a unha conversa aberta entre Tanxugueiras e o público, quen poderá participar activamente formulando preguntas e compartindo impresións coas artistas.

A velada será conducida pola recoñecida comunicadora galega Carolina Iglesias, quen exercerá de mestra de cerimonias para acompañar a Sabela, Olaia e Aida nunha conversa distendida sobre o proceso creativo e a evolución sonora do grupo. Ademais, nunha aposta polo formato físico e a experiencia presencial, o evento no Teatro Colón será o único punto de venda oficial do álbum durante a súa primeira semana de lanzamento. A xornada concluirá cunha firma de discos.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro regresarán á Coruña o 17 de outubro para presentar, no Coliseum da Coruña, o seu álbum 'O Cuarto', co cal celebran os seus anos de traxectoria. O directo, que será a única oportunidade de ver o grupo en directo en Galicia ao longo de 2026, preséntase como un concerto único e exclusivo. As entradas están á venda en Tanxugueiras.com.

Catro xornadas da Festa das Letras

O Concello da Coruña organiza a segunda edición de A Festa das Letras, que arrinca coa escoita de Tanxugueiras e prolóngase ata o domingo 17 de maio, cunha programación que converterá distintos espazos da cidade nun gran escenario para a celebración da lingua e da creación cultural galega.

A programación destaca por contar con grandes referentes da música en galego como Ailá, MJ Pérez, 9Louro, Dakídarría ou Orquestra Bravú Xangai. Ademais, haberá tamén actuacións para o público infantil e actuacións musicais das asociacións coruñesas nos xardíns de Méndez Núñez. A segunda edición da Festa das Letras desenvolverase en espazos emblemáticos como o Campo da Leña, a praza de Azcárraga, os xardíns de Méndez Núñez, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón e o Centro Ágora, conectando prazas, teatros e rúas a través dunha programación común que ten na lingua galega o seu eixo central. 

O programa inclúe actuacións musicais de estilos diversos, propostas para público infantil e familiar, foliada tradicional, encontros con artistas e espectáculos escénicos, co obxectivo de achegar a celebración das Letras Galegas a todos os públicos e de poñer en valor a vitalidade da creación cultural en galego. A Festa das Letras consolídase así como unha cita destacada do calendario cultural da cidade, reforzando o compromiso do Concello coa promoción da lingua galega, co apoio ao tecido cultural e coa ocupación do espazo público como lugar de encontro arredor da cultura.

Ademais, o venres celebrarase unha nova edición de AgoraSón Primavera con concerto de Ialma. As invitacións para asistir á actuación só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega.

Horarios por xornada

Xoves 14 de maio

  • 19.30 h - Teatro Colón - Encontro e diálogo con Tanxugueiras arredor do seu novo disco 'O cuarto'.

Venres 15 de maio

Campo da Leña - Concertos

  • 20.00 h - Néboa
  • 21.30 h - Ailá
  • 23.00 h - Brais Morán & Nasaufunk

Praza de Azcárraga - Público infantil

  • 18.00 h - Charlatán Rodríguez
  • 19.00 h - Uxía Lambona e a Banda Molona

Xardíns de Méndez Núñez - Tradicional

  • 18.30 h - Xacarandaina
  • 19.30 h - Son d'aquí

Centro Sociocultural Ágora (con invitación)

  • 21.00 h - AgoraSón Primavera: Concerto de Ialma.

Sábado 16 de maio

Campo da Leña - Concertos

  • 12.00 h - Kafédepota
  • 13.30 h - MJ Pérez
  • 19.30 h - Adhara & Ritman
  • 21.30 h - Orquestra Bravú Xangai
  • 23.00 h - 9Louro
  • 1.00 h - Dakidarría

Praza de Azcárraga - Público infantil

  • 12.00 h - K'paparota
  • 13.00 h - Pakolas
  • 18.00 h - Cris de Caldas
  • 19.00 h - Pesdelán

Xardíns de Méndez Núñez - Tradicional

  • 18.30 h - Cántigas da Terra
  • 19.30 h -  Donaire

Domingo 17 de maio

Xardíns de Méndez Núñez

  • 18.30 h · A Foliada das Letras, com Cántigas da Terra, Donaire, Maghúa, Son d'aquí, Xacarandaina e Espadana

Teatro Colón

  • 12.15 h · Banda Municipal de Música da Coruña coa Escola de Artes Escénicas da Estrada
  • 20.30 h - Teatro Rosalía de Castro -  Isabel Dobarro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión