9 de agosto de 2026
Coa metade da oferta inicial de dorsais xa cuberta, o Concello e a Federación Galega de Atletismo avanzan na definición do cadro de atletas élite que participará na carreira, con Adrián Ben xa confirmado
A dous meses da proba, aumenta o ritmo de inscricións de cara á XX edición da carreira popular Coruña10, que terá lugar o vindeiro 4 de outubro e que conta xa con máis de 1.600 persoas anotadas entre as diversas categorías, só dúas semanas despois da apertura do prazo.
Neste sentido, a vindeira semana será a última na que as persoas interesadas en participar na carreira poderán inscribirse coa tarifa reducida, de 10 euros. Será ata o vindeiro domingo 16, a través da páxina web de Carreiras Galegas. A partir de aí, abrirase o prazo ordinario, ata o 25 de setembro (15 euros) e, xa posteriormente, o prazo extraodinario, entre os días 26 e 27 de setembro (25 euros), sempre e cando queden prazas dispoñibles.
A oferta inicial lanzada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo (FGA) foi de 3.000 prazas. Cómpre subliñar que, tal e como se anunciou días atrás, en función da demanda existente está previsto habilitar unha listaxe de agarda para emitir, posteriormente, unha oferta de dorsais extra.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que, ademais, "á hora de inscribirse na XX Coruña10 haberá bonificacións especiais para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e tamén para familias numerosas".
O goteo de confirmacións de atletas élite continuará nas vindeiras semanas
O actual campión de España nos 1.500 metros, o viveirense Adrián Ben, será un dos atletas élite que tomará parte na saída da carreira do 4 de outubro. Ao deportista galego, galardoado recentemente coa Medalla Castelao, sumaranse proximamente máis referentes do atletismo, que o Concello e a Federación Galega de Atletismo irán anunciando de forma progresiva nas vindeiras semanas.

28 de xullo de 2026

24 de xullo de 2026

11 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible