9 de xuño de 2026
Os servizos de limpeza actuarán a diario en cada uno dos areais. A Coruña conta este verán con cinco bandeiras azuis
A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a tempada de baño na cidade nas praias da cidade, que comezará o luns, 15 de xuño. Os servizos do Concello levan semanas traballando para poñer a punto todos os areais tanto no ámbito da seguridade como no da limpeza. Xa nas primeiras semanas de maio se procedeu á retirada da duna de Riazor, marcando o inicio dos preparativos para a tempada de verán, que durará ata o 15 de setembro.
"Comeza a época de sol, de baño e de desfrutar, e a tarefa do Concello é dispor os recursos e o persoal necesario para que tanto a cidadanía como os visitantes poidan gozar da cidade con seguridade e limpeza. Por iso este ano reforzamos aínda máis os servizos municipais nos areais, con estreita vixilancia dos nosos socorristas e actividade continua dos nosos equipos de limpeza e mantemento", subliñou a alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz. Rey presentou o dispositivo municipal fronte á zona de baño do Parrote, que súmase aos espazos con cobertura municipal con dous socorristas.
No plano da seguridade, o Concello está a despregar un gran operativo de socorrismo nas praias e puntos de baño, coa novidade do equipo da plataforma do Parrote, que abrirá este verán e da que o Concello asume as tarefas de vixilancia.
O Concello activará estes operativos entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, garantindo a cobertura integral de vixilancia, prevención, rescate e asistencia sanitaria nos principais areais. O dispositivo estará integrado por un total de 42 profesionais especializados, entre socorristas acuáticos, patróns de embarcación, persoal técnico sanitario e coordinación operativa. A distribución de efectivos realizarase atendendo a criterios de afluencia, características da contorna e necesidades de cobertura de cada praia. Darán cobertura ás praias todos os días de 11.00 a 21.00 horas.
O servizo prestará cobertura nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro, Oza, O Parrote e Punta de Santa Cristina. O operativo contará con medios de intervención e rescate adaptados ás esixencias de seguridade e resposta inmediata no litoral urbano. Entre os recursos previstos destacan:
Dúas motos acuáticas de rescate, situadas estratexicamente nas praias de Oza e Riazor
Ambulancia de soporte vital básico (SVB) operativa en praia
Equipos de comunicación por radio e telefonía integradas na rede de salvamento
Emisoras náuticas individuais para cada embarcación
Sistemas de comunicación individual para cada socorrista en servizo
Postos de socorro equipados con dobre canle de coordinación entre persoal de praia e embarcacións
Material sanitario homologado para atención de emerxencias e asistencia básica
Incorporación de táboas de rescate e novo material técnico de intervención acuática
Como novidade para a tempada 2026, implementaranse melloras funcionais na APP CEUS, ferramenta dixital orientada a facilitar información en tempo real sobre o estado das praias, incidencias, condicións de seguridade e operatividade do servizo de salvamento. Esta actualización permitirá optimizar a comunicación cos usuarios e reforzar a capacidade preventiva do dispositivo municipal.
Servizo de limpeza e mantemento
Durante os meses de baño nas praias, reforzaranse tamén os servizos diarios de mantemento ante o gran aumento de actividade. Así, a partir do día 15 pasarase maquinaria limpiapraias todas as noites en todos os areais e reforzarase cunha limpeza manual diaria e o baleirado dos contedores e as papeleiras, dos que se colocarán máis de 150 con capacidade de 120 litros cada un. Os contedores corresponderán ás fraccións de orgánico e envases e nos accesos aos areais colocaranse tamén de fracción resto, sobre todo para depositar os cueiros e outros residuos. O reforzo esténdese tamén ao paseo marítimo, con máis limpezas manuais e máis vaciado de papeleiras.
"Esta cidade ten uns areais privilexiados, e depende de nós manter ese gran capital natural e turístico. Pola parte do Concello, co reforzo dos servizos de limpeza e mantemento. Pola parte das persoas usuarias, actuando coa conciencia e responsabilidade de coidar estas contornas", apuntou Inés Rey.
Na cala de Bens -que seguirá a ser praia canina- farase unha limpeza manual profunda de cara ao período estival. Hai que ter en conta que ese areal ten unhas características especiais que impiden que se pase a máquina limpapraias, co que os traballos se realizan de forma manual. En total, medio centenar de operarios traballarán nos operativos de limpeza, con brigadas que farán quendas de mañá, tarde e noite para atender as necesidades de hixiene en cada momento.
Tamén se están colocando as casetas para os socorristas nas praias de Riazor, Orzán-Matadoiro, Oza, As Lapas e Santo Amaro. A estas instalacións súmase a caseta de Educación Ambiental, que estará operativa e ofrecerá actividades durante a tempada de baño en Riazor. Na caseta de Oza préstase apoio ás actividades da Fundación María José Jove dirixidas a persoas con diversidade funcional. As tres praias accesibles da cidade (Riazor, San Amaro e Oza) contarán con duchas adaptadas e outros elementos para posibilitar a mobilidade das persoas con diversidade funcional
Ademais, estará en funcionamento o servizo de vixilancia ambiental, que xa comezou a pasada semana coas revisións preliminares e que supervisará 17 puntos de baño con inspeccións diarias nas praias principais (Riazor, Orzán-Matadoiro, Oza, San Amaro, As Lapas) e en puntos de baño como o de O Parrote. O ano pasado este servizo completou un total de 382 inspeccións.
Así mesmo, os cans xa non poden acceder aos areais a partir do 1 de xuño e ata o 30 de setembro. Segue aberto para uso canino o areal de Bens e tamén o resto de áreas caninas da cidade.
Actividades educativas
Paralelamente ao servizo operativo, o Concello desenvolverá a partir do 1 de xullo de 2026 un programa de actividades educativas vinculadas ao salvamento e socorrismo dirixido a menores de entre 6 e 16 anos. A iniciativa terá como finalidade fomentar hábitos saudables, a educación en seguridade acuática e a sensibilización medioambiental mediante actividades lúdicas, deportivas e formativas desenvolvidas na contorna da praia. O programa persegue obxectivos específicos relacionados coa promoción de valores de convivencia, cooperación e respecto, a adquisición de hábitos de lecer saudable, o desenvolvemento da autonomía privada e o traballo en equipo, a sensibilización sobre a protección do medio natural ou a iniciación ás técnicas básicas de salvamento e prevención acuática. A metodoloxía aplicada combinará dinámicas participativas, actividades deportivas e aprendizaxe práctico adaptado ás diferentes idades e capacidades dos participantes. As actividades son de carácter gratuíto e apuntaranse diariamente os nenos na caseta dos socorristas das praia de Riazor e Oza.
Bandeiras Azuis
A Coruña contará este ano con cinco bandeiras azuis outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), recoñecendo a calidade ambiental, os servizos e a seguridade dos seus areais.
As praias distinguidas son Riazor, Orzán-Matadoiro, Santo Amaro, As Lapas e Oza, que volverán contar con este selo internacional grazas ao cumprimento dos estándares máis esixentes en termos de calidade da auga, accesibilidade, xestión ambiental e atención ás persoas usuarias, sendo o da Coruña un dos municipios de Galicia con maior número de bandeiras azuis no seu territorio.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible