5 de maio de 2026
O Concello apoia á asociación Amigos de la Ópera no desenvolvemento da programación, que inclúe un ciclo de lírica inclusiva e actividades orientadas ao público infantil
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na presentación da 74ª edición da Tempada Lírica de Amigos de la Ópera, unha programación que conta co apoio do Concello a través da Fundación Emalcsa e que comezará no mes de setembro, cun amplo abano de propostas para todos os públicos, tamén o infantil.
A tempada comezará coa ópera Jenůfa, de Leoš Janáček, os días 17 e 19 de setembro, no Palacio da Ópera. Será o punto de partida dun intenso calendario de espectáculos que tamén prevé unha colaboración preliminar co festival internacional de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico. En Jenůfa tamén terán un protagonismo clave tanto a Orquestra Sinfónica de Galicia como o Coro Gaos.
O segundo título da programación será Tosca, de Giacomo Puccini, que chegará os días 22 e 24 de outubro ao Palacio da Ópera, e será outros dos pratos fortes previstos este ano. Nesta ocasión, e ademais da OSG e o Coro Gaos, tamén estará implicado o Coro Cantabile, tal e como explicou hoxe Aquiles Machado, director artístico da Tempada Lírica de Amigos de la Ópera.
Un ciclo de lírica inclusiva e tamén ópera para nenas e nenos
Outro dos piares que sustenta esta edición da Tempada Lírica será o ciclo de lírica inclusiva que terá lugar entre o 29 de outubro e o 18 de novembro, en puntos como o Centro Cívico de Monte Alto, o Circo de Artesáns e o Fórum Metropolitano.
En colaboración co Festigual, haberá tres espectáculos con senllas figuras como solista: Carmen Larios, gañadora do terceiro premio do concurso internacional de canto de Lousada (Portugal); Chiara Salerno, premio á mellor intérprete de fala non hispana no concurso internacional de Zarzuela de Valle Seco, en Las Palmas; e Nerea González, alumna galardoada do Curso de interpretación de Amigos de la Ópera da Coruña 2025.
Por outra banda, os días 20 e 21 de outubro tamén se desenvolverá un ciclo de ópera para nenos/as, unha iniciativa gratuíta que fomenta a participación infantil neste xénero. Será con actividades entre o Hospital Materno Infantil - Teresa Herrera e a sede de Afundación.
No acto desta mañá, Gonzalo Castro estivo acompañado por José Luis Méndez Romeu, en representación de Amigos de la Ópera, así como por Jacobo Sutil, da Axencia Galega de Industrias Culturais, e por Bernardo Fernández, da Deputación da Coruña. Ademais. Tamén asistiron Bettina Kohlhaas, en representación da Fundación Emalcsa, e José María Paz Gago, vicepresidente de Amigos de la Ópera.
Na súa intervención, Castro subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa asociación, "unha institución histórica e cultural da nosa cidade". O edil destacou que "a Tempada Lírica volve con máis ímpeto e excelencia, e é unha referencia innegable da lírica no noso país".
Descarga AQUÍ a programación da 74ª Tempada Lírica de Amigos de la Ópera (1017 KB)

4 de maio de 2026

8 de abril de 2026

1 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible