Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de abril de 2026

A alcaldesa concédelles as súas “licenzas de venda” ás cooperativas dos 422 participantes do Proxecto Semente

Os nenos e nenas de oito centros educativos da cidade venderán os seus produtos o próximo 22 de maio nun mercado nos Xardíns de Méndez Núñez

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe no Salón de Plenos de María Pita o acto protocolario da edición 2025-2026 do Proxecto Semente, que consiste na creación de cooperativas integradas por alumnado de entre 3.º e 6.º de primaria de diferentes centros educativos. Con esta iniciativa, os nenos e nenas desenvólvense no campo do emprendemento e aprenden acerca do proceso de constitución e xestión das empresas e do modelo das cooperativas. 

Na reunión de hoxe, 114 alumnos e alumnas e 19 docentes, representando as 19 cooperativas participantes de 8 colexios distintos, presentáronlles á alcaldesa e ao concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, as súas ideas e produtos. 

Na súa intervención, a alcaldesa destacou os valores que este programa inculca no alumnado participante. "Nunha cooperativa todas as pezas son fundamentais, e a todas elas lles corresponde logo o froito do traballo. Lembrade sempre no futuro, no que espero que todos vós teñades ilusionantes metas e soños, que os valores débense levar por diante en todos os ámbitos da vida. Tamén no da empresa", apuntou.

Este acto anual de recepción do alumnado ten tamén como obxecto a concesión de licenzas de venda ás cooperativas do Proxecto Semente para realizar, o próximo 22 de maio nos Xardíns de Méndez Núñez, un mercado no que o alumnado poderá venderlle ao público os seus produtos. O horario de apertura será das 16.30 ás 20.30 horas. 

En total, 422 nenos e nenas da cidade participan na edición deste ano, pertencentes aos centros CEIP Anxo da Garda, CEIP Manuel Murguía, CPR Hijas de Jesús, CPR Sagrado Corazón, CEIP Eusebio da Guarda, CPR Montegrande, CEIP Rosalía de Castro e o CEIP Zalaeta. 

Desde que se realizou a primeira edición no curso hai xa 19 anos, máis de 5.000 nenos e nenas formaron parte desta iniciativa coa constitución, ao longo deste tempo, dun total de 292 cooperativas. O curso que se lles imparte inclúe un módulo de cooperativismo no que aprenden valores e modelos de xestión da empresa, e outro sobre a elaboración dos produtos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión