Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de abril de 2020

A alcaldesa presenta o Plan Anual de Contratación que recolle un total de 363 contratos con un impacto económico de máis de 500 millóns de euros

Inés Rey: “A contratación pública será unha peza clave na reactivación económica e na xeración de emprego”

O Plan Anual de Contratación do Concello da Coruña, que a alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Facenda e voceiro do Goberno, José Manuel Lage, presentaron esta mañá en María Pita, recolle un total de 363 contratos, cun valor de 534.408.205 millóns de euros.  Este plan, que a Lei de Contratos do Sector Público obriga as administracións locais a elaboraren e que nunca antes se aprobara na Coruña, é unha ferramenta que lle permitirá ao Goberno local articular medidas para aliviar e minimizar o escenario económico que se prevé unha vez que se inicie o desconfinamento en que nos atopamos desde o pasado 14 de marzo, tras a declaración do Estado de Alarma provocado polo Covid-19.  

 A alcaldesa explicou que o plan adquire un maior protagonismo nestes momentos, xa que "a contratación publica será unha peza clave na reactivación económica e na xeración de emprego". Rey destacou a necesidade de que os concellos xoguen un papel importante nesta situación achegando medidas que sirvan para protexer a cidadanía, as empresas e as e os traballadores.  

A rexedora sinalou durante a presentación que se trata dun plan "que reflicte a xestión, a capacidade de planificación e a transparencia do Goberno. É unha oportunidade tamén para mellorar o funcionamento do Concello e tamén para lograr un maior rendemento de todos os recursos materiais e persoais do Concello". Neste sentido, agradeceu o esforzo que están a realizar as traballadoras e traballadores municipais para lles dar resposta ás necesidades das e dos coruñeses.  Lembrou que Goberno local está a negociar coas distintas forzas de María Pita un plan de recuperación económica social da Coruña (PRESCO) que se basea en tres alicerces fundamentais: investimento municipal, Coruña Solidaria -aumento dos programas e partidas sociais-, e axudas dirixidas aos sectores económicos que peor o están pasando, como a hostalería, as pemes ou o comercio de proximidade. É un plan que, tal e como indicou, non conta polo de agora cunha contía oficial asignada, aínda que no seu executivo confían en que na próxima semana poida anunciarse a cifra que se destinará a el, froito do acordo de todos os grupos políticos.  

Rey amosou a súa satisfacción por este documento que axudará a planificar a reactivación económica da cidade, xa que até o momento as axudas se centraron nas políticas asistenciais. O plan daralles a coñecer aos operadores económicos as necesidades institucionais que pretenden cubrirse mediante estes contratos, para que deste xeito se poidan estudar con tempo suficiente e preparar as ofertas correspondentes.  

Canto o contido do dito plan, os contratos que incorporan inclúen o importe ao longo de toda duración do contrato, xunto coas posibles prórrogas, modificacións orzamentarias e IVE. Non se inclúen contratos menores, concesións de dominio público nin os contratos de 2020 que xa foron publicados no perfil do contratante e que están suspendidos polo estado de alarma. Ademais, o plan ten un carácter estimativo. Poderanse incorporar novos contratos que se consideraren necesarios neste período ou non se licitar algúns dos recollidos no plan.  

Pola súa banda, o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, aclarou que, dos máis de 500 millóns de euros, 299 corresponden á licitación do contrato da planta de Nostián por un prazo de 15 anos, que é obrigatorio reflectir no plan. O resto destinaranse a distintas actuacións ao longo deste ano e teñen un financiamento plurianual. 40 millóns de euros serán para obra pública, sen ter en conta as licitacións que xa apareceron no perfil do contratante. "Trátase de licitacións que terán un impacto moi importante sobre a economía da nosa cidade", resaltou o voceiro.  

Ademais, quixo destacar que, desde que comezou o estado de alarma, o Goberno local mantivo todos os contratos asinados coas empresas que lle prestan un servizo ao Concello. Esta decisión permite manter 2.300 postos de traballo e constitúe unha das mellores medidas de protección social que podemos adoptar para afrontarmos as consecuencias económicas da pandemia.  

Con este novo plan, explicou, evitaranse os reparos na legalidade dalgúns contratos e a recorrencia a contratos menores. Ademais, reduciranse os prazos para presentar ofertas, especialmente nos contratos suxeitos a regulación harmonizada. Dos 363 contratos que recolle o plan, 65 están suxeitos a regulación harmonizada e supoñen 478 millóns da cifra total. A redución de prazos servirá tamén para acurtar o prazo medio de pago aos provedores, que nos catro últimos meses se situou por debaixo dos 30 días. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión