18 de xuño de 2026
A falla terá como eixo a eclipse de Sol do 12 de agosto e os éxitos dos equipos deportivos da Coruña
O Concello repartirá pulseiras contra a submisión química nos Puntos Violeta durante a noite de San Xoán
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá na presentación no Palacio de María Pita da campaña 'En San Xoán limpar as praias é ser de Primeira', unha iniciativa de concienciación promovida por Galicia de Noite, España de Noite, Pernod Ricard España e a Federación de Asociacións de Veciños, e que conta co apoio do Concello.
A campaña ten como obxectivo implicar á cidadanía nunha celebración máis responsable, limpa e segura da noite de San Xoán, unha das festividades máis emblemáticas da cidade. "A Coruña é unha cidade fondamente vinculada a San Xoán, un dos días máis especiais do ano, pero tamén unha xornada marcada pola gran cantidade de residuos que xera", sinalou a alcaldesa.
A iniciativa contará con equipos de voluntariado coordinados que desenvolverán accións de mediación e sensibilización entre os días previos á festa, especialmente nas zonas de maior afluencia, como os areais de Riazor e Orzán, así como en áreas de ocio, comercio e hostalería. Baixo o lema 'En San Xoán limpar as praias é ser de Primeira', a campaña busca reforzar a idea de que gozar do lecer tamén implica responsabilidade. Neste sentido, promoveranse mensaxes centradas no coidado e limpeza das praias, o consumo moderado de alcohol, a seguridade viaria, a loita contra a violencia sexual, a protección do entorno e o respecto ao descanso veciñal.
Ademais, repartirase material divulgativo que incluirá un "Manual para ser de Primeira", con recomendacións prácticas para reducir o impacto ambiental e evitar comportamentos incívicos. A iniciativa forma parte da programación vinculada á Capitalidade da Vida Nocturna que ostenta A Coruña este ano, e responde a un modelo de colaboración entre administración, sector hostaleiro e tecido veciñal. "Sen diálogo e sen entendemento non chegamos a ningunha parte", destacou Rey. A rexedora puxo en valor o traballo conxunto das entidades participantes e lembrou que este tipo de campañas xa teñen acadado recoñecementos a nivel nacional.
Un San Xoán máis limpo e seguro
A alcaldesa subliñou a importancia da implicación colectiva: "Temos un dispositivo de limpeza completísimo, pero é necesario que a cidadanía tamén sexa partícipe da limpeza da nosa cidade". Esta campaña enmárcase nun conxunto máis amplo de accións impulsadas polo Concello para promover un San Xoán cívico. Entre elas, inclúese a colaboración con creadores de contido en redes sociais, a posta en marcha dun sistema piloto de reserva de espazos en Riazor condicionado á recollida de residuos ou o reforzo de contedores ao longo do paseo marítimo. Tamén se desenvolverán accións específicas para reducir a presenza de vidro nos areais en colaboración con entidades como Ecovidrio e Ecoembes.
A proba piloto de espazos na praia de Riazor para asociacións e entidades manterá o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro luns 22. As entidades e asociacións que o desexen, poderán solicitar ditos espazos presentando a solicitude no Rexistro Municipal ou de forma telemática na seguinte ligazón. Serán 55 espazos, algúns deles accesibles, e do mesmo tamaño.
Falla
A alcaldesa confirmou que o vindeiro 23 de xuño arderá na praia de Riazor a tradicional falla de San Xoán, un dos momentos máis emblemáticos da celebración. A estrutura incorporará, como é habitual, referencias á actualidade e elementos identitarios da cidade, combinando símbolos clásicos coa realidade recente coruñesa. Neste sentido, a falla, centrada na eclipse de Sol do 12 de agosto, incluirá representacións de espazos recoñecibles como o Obelisco ou as galerías da Marina, así como referencias aos éxitos deportivos acadados polos equipos da cidade ao longo deste ano, ademais de elementos tradicionais como as meigas.
Como novidade, serán precisamente representantes de distintos clubs deportivos locais os encargados de prender o lume, nun xesto que busca recoñecer o papel do deporte no orgullo colectivo da cidade. Participarán integrantes do Club Voleibol Ciudad de A Coruña, Maristas, Victoria CF, Marineda Hockey, Básquet Coruña, Deportivo e Liceo.
Pulseiras nos Puntos Violeta
Por outra banda, a alcaldesa, Inés Rey, anunciou que este ano repartiranse nos Puntos Violeta pulseiras que detectan substancias ilegais co obxectivo de evitar posibles casos de submisión química. Con esta iniciativa o Concello busca minimizar posibles condutas violentas contra as mulleres nunha das noites festivas máis multitudinarias do ano. As pulseiras levarán un sensor que reaccionará ao entrar en contacto con líquido que conteña substancias ilegais. En caso de que isto ocorra, as mulleres afectadas poderán reclamar asistencia nos tres puntos violeta móbiles que haberá ao longo das praias e do Paseo Marítimo e no punto violeta fixo que se situará xunto ao posto de mando da coraza.
Finalmente, Inés Rey apelou ao compromiso colectivo para garantir unha celebración exemplar: "Na Coruña entendemos que, se non é cívica, tampouco é festa. Gozar do San Xoán é facelo cos amigos e coa familia, sen que o comportamento duns poucos estrague a noite máis especial do ano". A alcaldesa concluíu facendo un chamamento ao sentido común da cidadanía para converter a celebración deste ano "no San Xoán máis limpo e cívico".
Acción coas principais cadeas de supermercados
Por outra banda, o Concello impulsa de novo este ano a campaña "San Xoán é a praia. Cóidaa" que, coa colaboración das principais cadeas de distribución alimentaria da cidade, ten como obxectivo reducir o uso de bolsas de plástico nas praias durante a noite meiga.
Alcampo, Carrefour, O Corte Inglés, Froiz, Gadis e Vegalsa-Eroski repartirán de balde máis de 100.000 bolsas nos distintos establecementos que as cadeas que participan no proxecto teñen na cidade. A alcaldesa agradeceu a implicación do sector privado desde distintos ámbitos para facer de San Xoán unha festa máis limpa e segura.

4 de xuño de 2026

12 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible