14 de xuño de 2016
O Goberno local porá en marcha un dispositivo especial pola celebración que se centrará na xestión de residuos, definición de zonas sensibles e reforzo informativo nos barrios
A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá o dispositivo especial de xestión ambiental que o executivo coruñés porá en marcha na Festa de San Xoán co obxectivo de acadar unha celebración máis sustentable. "Este Goberno aposta por unhas festas compatibles co coidado da cidade", explicou a edil, quen desvinculou o éxito das festas en función dos residuos recollidos. "Parece que o número de visitantes se mide polas toneladas de residuos que se recollen ao día seguinte, pero ese paralelismo non está correlacionado". Neste sentido, a responsable municipal sinalou que o Concello "porá os medios necesarios" para reducir progesivamente os residuos, de maneira que "sexa posible pasalo ben mentres se respecta a contorna, o medio ambiente e o espazo público". As medidas especiais de xestión ambiental proxectadas polo executivo farán fincapé na xestión de residuos, na praia e nas condicións de limpeza, e na definición dunha serie de zonas sensibles da cidade que requiren de especiais coidados. García apelou "á corresponsabilidade e sentidiño" da cidadanía para "avanzar cara á sustentabilidade ano tras ano". "A perspectiva deste cambio, que virá da man da veciñanza, non é represora ou sancionadora, senón que é a do empoderamento e corresponsabilidade, e que a xente tamén esté orgullosa da súa cidade ao día seguinte", afirmou a edil, quen sinalou que se iniciará "unha rolda de diálogo" con entidades e asociacións responsables de lumeiradas "para acadar, entre todas e todos, unhas festas máis sostibles tamén nos barrios".
A titular da área de Medio Ambiente sinalou que as medidas de xestión de residuos se centrarán fundamentalmente na praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, Oza e Lapas, das que o ano pasado se recolleron 210 toneladas ao finalizar a noite do 23 de xuño. "Este ano reforzaremos a presencia de depósitos de lixo e a súa sinalización nos accesos ás praias", indicou García. Os contedores estarán situados nas zonas de acceso aos areais, onde se concentrarán as infraestruturas relativas ao dispositivo, como son os puntos de acopio de madeira, contedores de vidro para evitar que se baixen as praias e os WC. "O ano pasado os depósitos de lixo non eran suficientemente visibles, así que nesta ocasión terán más elementos que axuden a súa visualización, como lonas reflectantes ou globos con leds, para que axente que queira colaborar poda facelo", explicou.
Estes puntos tamén contarán con colectores de vidro de Ecovidro, que volverá colaborar co Concello co obxectivo de acadar unha mellor xestión deste material, do que o ano pasado se recolleron 8.000 kg na contorna dos areais urbanos. "Ecovidro promoverá a separación do material con vales con premios, como abonos para o Deportivo, convites para o Aquapark de Cerceda ou bicicletas", sinalou a edil, quen afirmou que a entidade tamén axudará a repartir Ecovasos, coa finalidade "de reducir os residuos que se xeran no reparto de consumicións". Outro dos aspectos que tamén se reforzarán na noite de San Xoán será o número de aseos, dos que se instalarán 50 químicos, "máis os de obra e os anexos aos quioscos, que estarán abertos pola noite", informou a responsable de Medio Ambiente. 12 deles instalaranse no Paseo Marítimo xunto aos accesos ás praias situados Coraza.
En canto á leña, a concelleira indicou que este ano o Goberno local repartirá 140 toneladas de madeira nos 14 mesmos puntos onde se establecerán as zonas de depósito de lixo e demáis servizos para evitar que "se acceda ás praias con materiais que poden revestir toxicidade ou perigosidade dalgunha maneira". O reparto comezará ás 19.30 horas, por cuestións da preamar. "A previsión é que teñamos unha noite longa", afirmou a responsable municipal, "xa que a marea alta será sobre as 18 da tarde e as 6 da mañá, cando se pedirá a xente que se retire da praia para comezar co labor de limpeza".
Zonas sensibles
O segundo punto no que o Concello fará especial fincapé na celebración será sobre as zonas de especial coidado. A concelleira de Medio Ambiente referiuse a elas como "espazos sensibles nos que o Goberno local entende que non se debe facer lume", como é a Praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, "polo seu alto valor ecolóxico", e que conta "cunha praia próxima", a das Lapas, "para poder facer as lumeiradas". Si que se poderán facer noutras zonas que "merecen especial coidado", afirmou, pero coas que o Goberno local "falará coas entidades organizadoras das distintas lumeiradas para explicar certas precaucións que se deben tomar, como a distancia a elementos de valor ou elementos que poidan provocar riscos de seguridade e medidas preventivas de protección do pavimento e o arborado, altura de lume", e que se celebran en lugares "moi valiosos pero con tradición moi arraigada", como a praza de Azcárraga, a da Fariña, Campo da Leña ou Campo de Marte. "Na festa de san Xoán tamén hai moitas lumeiradas pequenas e moita festa nos barrios. Se na praia o medo que temos é que o lixo chegue ao mar, nos barrios non son menos importantes cando pensamos en mobiliario, seguridade e boas prácticas", observou. Nesta liña, a edil destacou a importancia da difusión dos programas de sensibilización postos en marcha pola súa área, como Móllate, "no que o propio alumnado de secundaria da cidade deseña a campaña e mensaxes que se transmiten para convencer a súa contorna para colaborar nesta empresa".
Toda a información medioambiental en relación á celebración "estará a disposición da poboación local", sinalou García, a través da web www.sanxoancoruna.es na que estarán publicados os códigos de boas practicas para a Noite Meiga e a información sobre o dispositivo, do que tamén se elaborarán folletos e trípticos para o seu reparto pola cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible