7 de marzo de 2016
A responsable de Igualdade, Rocío Fraga, recordou o compromiso do Goberno local coas entidades sociosanitarias da cidade “para reubicalas se así fose necesario”
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, confirmou no Pleno celebrado este luns, en resposta a unha pregunta oral do grupo municipal socialista, que o Goberno municipal reformará o programa do Talón Restaurante para devolverlle o seu obxectivo primixenio, “que era servir de ponte entre o servizo de comida a domicilio e o de axuda a domicilio”. “Un programa de prevención social xamais debeu converterse en asistencialista”, observou a responsable municipal, quen reafirmou a necesidade dunha reestruturación do mesmo. “Resulta moi difícil en nove meses volver a un estado duns servizos sociais fortes despois do desmantelamento que levou a cabo o PP”, sinaloulle ao grupo socialista, para avogar por un modelo de servizos sociais “que empodere veciñanza, que outorgue dereitos, que avance cara a xustiza social”. Neste sentido, Cameán aludiu a programas como o talón Restaurante, a Renda Social Municipal e outros, que se recollen nos orzamentos do Goberno municipal e que, como lle lembrou ao grupo socialista, “non podemos aplicar porque vostedes non quixeron aprobalos”.
Tamén na quenda de preguntas orais, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, recordou o traballo realizado polo Goberno local para renovar as ordenanzas municipais en materia de mercados co obxectivo de sacar as prazas baleiras a concurso e regular a situación dos traballadores en situación temporal. Así, o edil recordou ao PSOE, grupo que lle formulou unha pregunta oral sobre o traballo nos mercados, “o compromiso que fixo, cando votou en contra das novas ordenanzas, dun proxecto que aseguraba ía a ter o compromiso de todos e todas as praceiras”.
Por outro lado, o grupo socialista tamén formulou unha pregunta sobre os plans do Goberno para asegurar o mantemento das sociedades sociosanitarias. “Non só somos conscientes do traballo que realizan senón das súas necesidades e estamos en conversas con todas elas”, respondeu a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, que recordou que todos os convenios con estas entidades está recollida no proxecto de Orzamentos do grupo municipal. “Hai compromiso con todas estas entidades, de reubicalas nas mellores condicións se así o necesitan e de cumprir cos convenios”, reiterou.
A concelleira de Facenda a Administración, Eugenia Vieito, recordou, a pregunta do Partido Popular, que a refinanciamento de débeda que levou a cabo o Goberno local para saldar os créditos que mantiña con diversas entidades bancarias por préstamos subscritos entre os anos 2006 e 2014 e levados a cabo por anteriores Executivos, “é exemplo da boa xestión deste Goberno e permite poñer o gasto social como prioridade”.
O Pleno finalizou coa intervención da cidadá María del Rosario Catoira, que preguntou polo custe que teñen o cambio das placas do rueiro, realizadas en cumprimento da Lei de Recuperación da Memoria Histórica.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible