Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de agosto de 2025

A Coruña acolle a IV edición do ciclo Noites na Cidade Vella con once concertos de música de cámara en espazos patrimoniais

As actuacións serán gratuítas e abertas á cidadanía entre o 4 de setembro e o 18 de outubro

A IV edición do ciclo de concertos Noites na Cidade Vella celebrarase do 4 de setembro ao 18 de outubro. Así foi anunciado esta mañá, nunha presentación presidida polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Este evento está organizado pola Fundación Rogelio Groba, en colaboración co Concello da Coruña e da Deputación da Coruña. O ciclo ofrecerá once concertos gratuítos en edificios históricos e museos emblemáticos da cidade, con entrada libre ata completar capacidade.

"Desde o Goberno de Inés Rey puxemos en marcha este ciclo para achegar a música de cámara e clásica á cidadanía, democratizando o acceso á cultura a través de actuacións gratuítas en espazos xenuínos da cidade", indicou o edil. Castro estivo acompañado polo promotor do ciclo, Rogelio Groba, e a deputada responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad De Jesús González.

O programa reunirá a destacados intérpretes nacionais e internacionais, como o violonchelista Santiago Cañón-Valencia ou o violinista Kevin Zhu, o guitarrista Marcos Díaz, o Quartet Hana, o Dúo Mandala, a pianista Marianna Prjevalskaya, entre outros. A Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do ciclo e dirixida por Rogelio Groba Otero, ofrecerá dous concertos especiais.

Un percorrido musical polo patrimonio da cidade

Os concertos celebraranse en espazos singulares como o Teatro Rosalía de Castro, o Paraninfo do Reitorado da Maestranza, as igrexas das Capuchinas, Santa Lucía e Dominicos, o Museo de Belas Artes, a Fundación Luis Seoane, o Palacio de Capitanía e a Sala de Exposicións do Concello.

Este formato propón un itinerario patrimonial e cultural, achegando a música de cámara á cidadanía e poñendo en valor a riqueza arquitectónica e histórica da Cidade Vella. "Queremos dinamizar a vida cultural da cidade e ofrecer á veciñanza e visitantes unha experiencia única que une música e patrimonio", destaca Rogelio Groba Otero, director artístico do ciclo.

Entrada libre e público diverso

Todos os concertos serán de acceso gratuíto, dirixidos a un público amplo que inclúe veciñanza da Cidade Vella, familias, melómanos, estudantes de música e turistas. A programación inclúe tamén un concerto matinal pensado para público familiar.

Calendario destacado

  • 4 de setembro - Teatro Rosalía de Castro: Santiago Cañón-Valencia (cello)
  • 11 de setembro - Paraninfo do Reitorado da Maestranza: Marcos Díaz (guitarra)
  • 13 de setembro - Igrexa das Capuchinas: Quartet Hana (cordas)
  • 18 de setembro - Palacio de Capitania: Dúo Mandala (violins)
  • 20 de setembro - Igrexa de Santa Lucía: Orquestra de Cámara Galega
  • 26 de setembro- Museo de Belas Artes: Jun Hyung Lee Lee (cello) Karla Martínez (piano)
  • 2 de outubro - Afundación: Marianna Prjevalskaya (piano)
  • 4 de outubro - Sala de Exposicións do Concello Maria Pita: Kevin Zhu (violín)
  • 11 de outubro - Matinal. Museo Belas Artes:  Duo Indigo /concerto familiar
  • 11 de outubro- Fundación Luis Seoane: Orquestra de Cámara Galega
  • 18 de outubro - Igrexa dos Dominicos: Cuarteto Casals (cordas)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión