Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de marzo de 2024

A Coruña acolle este xoves os Premios María Casares, que homenaxearán o xénero do teatro musical

O concelleiro Gonzalo Castro presentou a gala, na que compiten un total de 19 obras e está dirixida por Sara Fandiño

Os XXVIII Premios de Teatro María Casares entregaranse este xoves, 21 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro a partir das 20.30 horas. A gala de entrega será un homenaxe ao teatro musical con "mar de fondo" no que os elementos marítimos serán unha constante sobre o escenario. Así o adiantou esta mañá a actriz Sara Fandiño, directora artística da gala, nunha rolda de prensa celebrada en María Pita e que estivo presidida por Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade.

O edil destacou o labor do Goberno de Inés Rey para que A Coruña siga sendo "a cidade da cultura de Galicia". "O traballo levado a cabo nos últimos anos reflíctese na valoración moi positiva que se fai da nosa programación e dos nosos espazos, como o Teatro Rosalía de Castro", indicou Castro. Por outra banda, quixo poñer tamén en valor a calidade dos espectáculos programados durante o ano neste teatro e no resto que compoñen a rede municipal.

Na gala terán gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal: os piratas e as sereas. Ao longo da gala se renderá homenaxe ao teatro musical ao introducir referencias universais e ben recoñecibles deste xénero. Ademais, os soños e os mundos oníricos terán tamén gran relevancia.

A directora conta cun elenco conformado por artistas que destacan por combinar mocidade e experiencia, xa que son intérpretes que teñen un longo percorrido nos musicais. Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado conforman o reparto. Fandiño asina tanto a música como a letra dos temas que soarán durante a gala e conta coa colaboración de Alexandro González para a orquestración e mais os arranxos. O espazo escénico corre a cargo de José Expósito Ortiz.

Este ano os Premios rexistraron a maior inscrición dos seus 28 anos de historia. Presentáronse un total de 47 espectáculos, dos cales 19 aspiran a levar este xoves algún dos 16 galardóns nos que se dividen os Maria Casares.

A gala será retransmitida por streaming na canle do Premios María Casares ás  20.30 h: https://www.youtube.com/c/premiosdeteatromariacasares .

19 espectáculos finalistas

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, aspira a nove María Casares (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, compite por seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego aspiran a cinco María Casares: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén compite por cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario, espazo sonoro)

Entrega en man, de Contraproducións, opta a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke (maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro agardan levar o premio á mellor dirección de movemento. Durante a gala entregarase o Premio de Honra Marisa Soto a María Barcala e Vero Rilo lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión