Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de abril de 2024

A Coruña brilla coa mellor cociña nacional no Galicia Fórum Gastronómico

O evento finalizará mañá co I Concurso de Empanadas de Galicia e os talleres de David Yárnoz ou Xosé Cannas (Pepe Vieira)

Miles de persoas achegáronse este luns ata EXPOCoruña para gozar da mellor gastronomía nacional e internacional grazas ao Galicia Fórum Gastronómico, o evento para profesionais do noroeste peninsular que, unha edición máis, escolleu A Coruña como sede e que se inaugurou de forma oficial este domingo. Unha xornada inaugural á que acudiu a alcaldesa, Inés Rey, quen destacou que "o Galicia Fórum Gastronómico fai da Coruña a capital gastronómica de Galicia".

Degustacións do mellor queixo do país, de carnes premium e de produtos da horta ecolóxicos; catas de viños con D.O., licores e cervexas artesás; demostracións culinarias onde a tradición e a vangarda se fusionan creando auténticos manxares; probas en directo de utensilios de cociña e maquinaria de última xeración; o paladeo dos mellores aceites de oliva españois ou a experimentación dos sabores a través do olfacto. Estas son algunhas das actividades que o público visitante puido gozar durante estes días nun evento que remarca A Coruña como a capital gastronómica galega por excelencia.

Durante a xornada de hoxe destacaron o proxecto de colaboración entre Estrella Galicia e Sargadelos así como a final do Campionato Galego de Tiraxe de Cervexa edición norte, no que recaeu o primeiro posto en Maite Carreira Trigo da panadería-pastelería O Ben me Sabe (Laxe, A Coruña).

Pero polas diferentes instalacións de EXPOCoruña tamén mostraron o seu talento os Estrella Michelín Luis Veira, de Árbore da Veira; Pepe Solla, de Casa Solla (Poio, Pontevedra), Miguel González, d'O Pereiro de Aguiar (Ourense) e Javier Olleros, de Culler de Pau (O Grove, Pontevedra). O público tamén tivo a oportunidade de ver en directo o arxentino Lino Adillón, do restaurante Volver (Ushuaia); a Diego Murciego, do restaurante Desde 1911 (Madrid); a Pablo Laya, de Saddle (Madrid); a Pedro Martino, de Pedro Martino Restaurante (Caces, Asturias) ou a Julen Bergantiños de Islares Restaurante (Bilbao), entre outros. Aínda que, sen dúbida, o protagonista máis doce da xornada foi Lluc Crusellas, de Eukarya, gañador do World Chocolate Master 2022.

PROGRAMACIÓN DO MARTES 9

Pola mañá desenvolveranse diversas actividades relacionadas coa creación e o desenvolvemento dunha marca gastronómica ou turística, así como unha estratexia de comunicación efectiva. A nivel culinario destaca, a partir das 10.45 h, o Desafío XChef by Cervexas 1906 Estrella Galicia. Neste concurso búscanse os mellores cociñeiros con talento que combinen á perfección a súa creatividade coa introdución das boas prácticas nas súas cociñas.

A partir das 13.00 h poderase ver en directo a David Yárnoz, cociñeiro inquieto que foxe das modas e dos convencionalismos, o que o levou a conseguir tres Estrella Michelín (unha delas Verde) para o seu restaurante El Molino de Urdániz.

En horario de tarde destaca o I Concurso de Empanadas de Galicia. Terá lugar no Ágora desde as 16.00 h coa entrega de galardóns prevista para as 18.30 h.

E o broche final culinario correrá a cargo de Xosé Cannas, á fronte do restaurante pontevedrés Pepe Vieira que conta con tres Estrella Michelín (unha delas Verde). Estará acompañado polo antropólogo e investigador Rafael Quintiá.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión