7 de maio de 2026
A celebración contará con actuacións musicais, como as de 9Louro, Orquestra Bravú Xangai ou Dakidarría, un coloquio coas Tanxugueiras ou foliadas coas asociacións culturais da cidade
O Concello da Coruña organiza unha nova edición de A Festa das Letras, que se celebrará do xoves 14 ao domingo 17 de maio de 2026, cunha programación que converterá distintos espazos da cidade nun gran escenario para a celebración da lingua e da creación cultural galega.
"Durante catro xornadas, A Coruña reafírmase como un dos grandes epicentros culturais do país cun programa diverso e gratuíto que inclúe concertos, espectáculos familiares, música tradicional, encontros e artes escénicas, da man de artistas e colectivos de referencia da escena galega actual, xunto cunha ampla presenza de creadoras e creadores locais", indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña, durante a presentación da programación, que tivo lugar en María Pita e na que estiveron presentes representantes das distintas asociacións culturais da cidade. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A programación destaca por contar con grandes referentes da música en galego como Ailá, MJ Pérez, 9Louro, Dakídarría ou Orquestra Bravú Xangai. Ademais, haberá tamén actuacións para o público infantil e actuacións musicais das asociacións coruñesas nos xardíns de Méndez Núñez. A segunda edición da Festa das Letras desenvolverase en espazos emblemáticos como o Campo da Leña, a praza de Azcárraga, os xardíns de Méndez Núñez, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón e o Centro Ágora, conectando prazas, teatros e rúas a través dunha programación común que ten na lingua galega o seu eixo central.
O programa inclúe actuacións musicais de estilos diversos, propostas para público infantil e familiar, foliada tradicional, encontros con artistas e espectáculos escénicos, co obxectivo de achegar a celebración das Letras Galegas a todos os públicos e de poñer en valor a vitalidade da creación cultural en galego. A Festa das Letras consolídase así como unha cita destacada do calendario cultural da cidade, reforzando o compromiso do Concello coa promoción da lingua galega, co apoio ao tecido cultural e coa ocupación do espazo público como lugar de encontro arredor da cultura.
AgoraSón e A Coruña das Letras completan a programación
Este mes de maio tamén se celebrarán outros eventos vinculados á lingua que completan aprogramación das Letras Galegas do Concello da Coruña. Por unha banda, este sábado comezan as andainas guiadas A Coruña das Letras, con Xurxo Souto. A primeira actividade leva por título 'A ruta de Ulises Fingal, as pedras percebeiras da contorna da Torre de Hércules'. A segunda chámase 'Na procura do antigo Gremio de Mareantes' e celebrarase o 30 de maio, mentres que a derradeira sesión leva por nome 'O ascenso á Pena da Vixía' e será o 6 de xuño. As inscricións faranse a través do correo inscricionslingua@coruna.gal dende o luns anterior a cada unha das andainas, ata que se esgoten as prazas (55).
Ademais, o venres que vén celebrarase unha nova edición de AgoraSón Primavera con concerto de Ialma. As invitacións para asistir á actuación só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega.

29 de maio de 2026

28 de maio de 2026

27 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible