Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de maio de 2026

A Coruña convértese, desde mañá, na capital do deseño do noroeste peninsular coa sétima edición da Galicia Design Week

O grande evento do deseño galego celebrarase do 14 ao 23 de maio, enchendo a cidade de creatividade a través de conferencias, obradoiros, música, gastronomía e catro exposicións

A Coruña prepárase para acoller a sétima edición da Galicia Design Week (GDW), a cita de referencia para a creatividade e o deseño no noroeste peninsular, que se consolidou como o único festival da zona integrado na prestixiosa rede internacional World Design Weeks. Do 14 ao 23 de maio, a cidade converterase nun escaparate e punto de encontro onde profesionais de prestixio e novos talentos amosarán o poder do deseño como motor cultural, social e económico, a través dunha programación gratuíta na meirande parte das súas actividades.

Esta nova edición destaca pola súa forte expansión urbana. Cun total de seis sedes confirmadas espalladas pola cidade -Studio Follow, Vavava Haus, Accenture Song (evento en Fundación Barrié), The House by Malasa, Bendita Flor e Restory-, a GDW expandirase pola Coruña cunha proposta moi dinámica, á que tamén se sumará a partir do 19 de maio outra localización na avenida do Porto, que acollerá as exposicións Designed in Galicia e #novodeseñogalego, pensadas para achegar a creatividade ao gran público dun xeito sinxelo e directo.

"Unha das directrices fixadas pola nosa alcaldesa, Inés Rey, é que A Coruña sexa o motor e faro cultural de Galicia cunha programación dinámica e xenuína. Este acontecemento, de relevancia nacional, é un claro exemplo diso", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A Galicia Design Week, o punto de encontro de referencia para o deseño no país,  mantén a súa esencia cun programa aberto que vai moito máis alá do estritamente profesional. O evento estrutúrase en diferentes eixes temáticos para conectar coa cidadanía, comezando polas súas habituais charlas profesionais (Talks) e talleres prácticos (Workshops) destinados a achegar a experiencia de grandes figuras do sector tanto a estudantes como a profesionais en activo. Ao mesmo tempo, a axenda máis informal e urbana canalizarase a través da sección Off, un conxunto de accións, encontros e eventos en colaboración directa con diferentes axentes creativos locais; e que inclúen desde unha poxa de deseño até a transformación dunha floristería en librería co gallo das Letras Galegas, pasando pola gravación dun podcast ou presentacións de novos produtos.

Esta implicación co tecido local tamén se sentirá a través do oído e do padal. Durante as fins de semana de celebración do evento, o público poderá gozar das Sessions, unha serie de sesións musicais pensadas para poñer banda sonora ao festival nas noites dos venres e sábados no Studio Follow e protagonizadas por deseñadoras e deseñadores. Pola súa banda, a sección Gastro explorará os vínculos entre a gastronomía e as correntes creativas máis actuais grazas ás propostas de Comer e Rosmón, así como coa participación especial do colectivo Gracias Por Su Visita. Completa este mapa de acción o Showroom, unha plataforma física concibida para dar visibilidade a marcas vinculadas ao deseño galego.

Os grandes nomes que marcarán o ritmo desta edición

Máis aló da súa variada axenda de actividades, Galicia Design contará, como é habitual, con nomes de referencia que protagonizarán algúns dos momentos máis agardados desta sétima edición.

No ámbito do deseño de espazos e arquitectura, destaca a conversa entre os estudios madrileños Burr e Studio Animal, que achegarán a súa rompedora visión; así como a revista Obradoiro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coa presenza de Manuel Bouzas, Teresa Sánchez Táboas e María Fandiño. Á hora de abordar a estratexia creativa, a GDW contará coa presenza de Paula de Álvaro, integrante do recoñecido estudio Design Office Fun; de Román De Lorenzo, CEO galego de MURPH; do director de arte Alexander Gross;  do director creativo Aitor Molina; e da axencia galega e catalana especializada en retail Bagel Affairs. Ademais, a posta en escena terán un papel moi destacado coa participación da coruñesa Ana Inés Jabares Pita, unha das creadoras con maior proxección internacional na escenografía actual grazas ao seu prestixioso traballo en teatros e óperas de todo o mundo.

A innovación tamén chegará de mans de consolidados referentes do deseño gráfico e editorial, como é o caso das premiadas axencias Costa e Desescribir, que amosarán a calidade estratéxica que se fai desde Galicia, ou da axencia barcelonesa de motion graphics THRU. No eido da identidade visual sumaranse consultoras de branding tan singulares como Summa e Grávita; e a intelixencia artificial terá en Isabel Sierra, de Adobe Creative Studio, e en FRANKA os seus máximos expoñentes no festival.

A innovación tamén chegará a través de disciplinas que exploran os límites do deseño tradicional. É o caso de FONDO, que amosará o potencial do deseño alimentario (food design) aplicado á investigación e á creación culinaria contemporánea; de Accenture Song, o maior grupo creativo mundial con oficinas na Coruña; ou de Dame Après Paris e Andrea Carandini, que achegarán a súa visión singular no ámbito do deseño téxtil e a moda. No plano da produción cinematográfica e o deseño audiovisual, o público poderá descubrir as claves creativas do prestixioso dúo de directoras XOXO, completando un abano de convidados multidisciplinar e de primeiro nivel.

Catro exposicións para redescubrir a contorna

Un dos grandes atractivos deste 2026 será o crecemento do bloque expositivo, que se amplía a un total de catro mostras. Por unha banda, o espazo Studio Follow acollerá tanto unha escolma de traballos do ilustrador galego Xan como unha coidada selección das obras gañadoras dos Premios ADG Laus 2025, os galardóns máis prestixiosos de deseño gráfico e comunicación visual do país, que visitan Galicia para inspirar a novas xeracións de creadores. Sen dúbida, será unha das propostas máis atractivas desta sétima edición.

No espazo público, concretamente na avenida do Porto, poderanse visitar as dúas mostras máis simbólicas da Galicia Design Week, como son Designed in Galicia e #novodeseñogalego. Estas dúas exposicións inauguraranse o martes 19 ás 12.00 horas, nun acto que contará con algunhas das deseñadoras protagonistas.

Galicia Design Week, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita do deseño galego. A sétima edición do festival, creado no 2021 pola axencia galega FOLLOW e co-organizada desde 2024 pola asociación GALICIA DESIGN, conta cunha subvención do Ministerio de Cultura do Goberno de España, co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión