30 de outubro de 2024
O evento de networking tivo lugar hoxe no Kitchen Club de Madrid para ofrecer experiencias gastronómicas ao turista baseadas en produtos locais, sostibles e de km0
O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, estivo hoxe presente no workshop organizado por Saborea España, en colaboración coa CEAV (Confederación Española de Axencias de Viaxes), presentando parte da súa gastronomía estrela con pratos que foron maridados con produtos locais.
O espazo Kitchen Club de Madrid foi o escenario no que se desenvolveu este evento que tivo como obxectivo principal fomentar o turismo gastronómico nos paquetes de viaxes ofrecidos polas axencias, destacando experiencias únicas dos destinos españois participantes.
Un dos puntos fortes deste workshop foi presentarlle ás axencias unha experiencia que poidan vender aos seus clientes vinculada á gastronomía. Neste sentido, por parte da Coruña, xunto cos diferentes recursos gastronómicos que fan especial á cidade, fíxose especial incidencia en MEGA, Mundo Estrella Galicia, por ser o único museo dedicado á cervexa de España e que, ademais, ofrece a posibilidade de visitarse de forma independente ou gozando de experiencias como catas, showcookings ou ecotours.
Ademais, o público participante na sesión de networking puido degustar un aperitivo atlántico made in A Coruña con base de empanada de zamburiñas da Empanada Viaxeira, de Pablo Pizarro, e patacas fritas de Bonilla a la vista. Todo iso coa posibilidade de maridarse con cervexas Estrella Galicia.
Ademais da Coruña, neste encontro participaron destinos como Cambrils, Ciudad Real, Cullera, Dénia, Gran Canaria, A Palma, Lanzarote, León, Talavera de la Reina, Segovia, Valencia, Valladolid e Zaragoza.
A gastronomía, clave na oferta turística da Coruña
A Coruña é un referente a nivel culinario en todo o norte de España, sendo ademais a súa cociña atlántica un dos ganchos turísticos máis destacables da cidade.
Durante este ano desenvolvéronse importantes eventos gastronómicos desde o goberno de Inés Rey co obxectivo de dinamizar a economía local e de fomentar os produtos de km0 e desde unha perspectiva sostible. Lacónicas, celebrado en relación ao tradicional Antroido (Entroido) coruñés; as Xornadas Gastronómicas do Bonito da Lonxa da Coruña, postas en marcha durante parte de xullo e agosto, e o Concurso de Tapas Picadillo, o máis antigo de Galicia, que se desenvolverá do 22 de novembro ao 1 de decembro deste ano, son algunhas das iniciativas gastronómicas que potencian o sector da restauración e hostaleiro da cidade.

18 de decembro de 2025

9 de decembro de 2025

5 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible