29 de novembro de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, informou hoxe de que o Concello está a preparar unha nova ruta urbana sobre o percorrido do intelectual rianxeiro pola cidade herculina
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na homenaxe a Castelao organizada polo Circo de Artesáns, cunha ofrenda floral que tivo lugar nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do monumento que lembra a figura do intelectual rianxeiro.
No acto, que formou parte da programación de actividades culturais que se están a desenvolver na cidade polo Ano Castelao -ao abeiro do 75.º aniversario do seu pasamento-, tomaron parte representantes das asociacións culturais da Coruña, integrantes do Circo de Artesáns, co seu presidente Roberto Parga á cabeza, e tamén veciñas e veciños.
Na súa intervención, Castro puxo en valor o legado de Castelao, "figura esencial da nosa historia, conciencia ética da Galicia moderna e símbolo do noso compromiso colectivo coa democracia e a cultura". Neste sentido, o edil avanzou que o Concello está a preparar unha ruta urbana sobre Castelao na Coruña, un percorrido concibido para comprender a cidade que el camiñou.
As accións de promoción da cultura galega forman parte das políticas culturais impulsadas desde o 2019 polo Goberno de Inés Rey, que inclúen desde a promoción sistemática de artistas locais e galegos nos eventos públicos ata a aprobación da primeira ordenanza de uso do galego do Concello da Coruña.
A exposición sobre Castelao na praza de Lugo manterase ata finais do Nadal
Tamén na homenaxe desta mañá, o concelleiro informou de que o Concello ampliará a estadía da exposición urbana sobre Castelao que está habilitada na praza de Lugo desde mediados de mes.
A mostra, organizada pola Fundación Castelao co apoio do Concello, componse dunha serie de cubos expositivos que, a través de imaxes e textos breves, recollen os principais momentos da relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa cidade, desde as súas primeiras visitas como estudante e tuno, ata a súa intensa actividade política, artística e intelectual na capital herculina entre 1906 e 1936.
A exposición foi vandalizada días atrás, un suceso que Castro describiu como "inaceptable" e que "procurou borrar cultura, ferir memoria e intimidar liberdade".
Neste sentido, a previsión do Concello é que a mostra estea instalada na praza de Lugo ata finais do Nadal e que se estenda no tempo máis alá da previsión inicial.

13 de decembro de 2025

12 de decembro de 2025

12 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible