29 de marzo de 2026
A candidatura coruñesa foi escollida por votación na asemblea da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos
A cidade da Coruña acollerá en 2028 o Congreso Nacional de Parques y Jardines Públicos (PARJAP), tras resultar elixida na votación celebrada no marco do encontro anual da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos (AEPJP), que tivo lugar estes días en Barcelona.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, presentou a candidatura da Coruña na asemblea na que se decidiu a sede do congreso, no que A Coruña resultou escollida fronte a outra candidatura concorrente. Deste xeito, a cidade volverá albergar este encontro estatal 25 anos despois da súa primeira edición na Coruña, celebrada no ano 2003.
O Concello da Coruña forma parte da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos como socio fundador e conta cunha ampla traxectoria na xestión e mantemento da infraestrutura verde urbana, así como no desenvolvemento de políticas orientadas á sustentabilidade e á mellora da biodiversidade na cidade. Neste sentido, a candidatura presentada puxo en valor a rede de parques, xardíns históricos e espazos naturais do municipio, así como a capacidade organizativa da cidade para acoller encontros profesionais de carácter estatal.
O congreso PARJAP constitúe un dos principais foros de intercambio técnico e profesional en materia de planificación, xestión e futuro dos espazos verdes urbanos, reunindo a especialistas, persoal técnico e responsables públicos de toda España. A edición de 2026, celebrada en Barcelona baixo o lema "Patrimonio vivo: transformando el paisaje urbano", incluíu un amplo programa técnico de relatorios e encontros profesionais, así como actividades culturais vinculadas ao patrimonio verde e urbano da cidade anfitrioa.
A elección da Coruña como sede en 2028 supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido polo Goberno de Inés Rey na renaturalización e mellora dos espazos públicos, así como unha oportunidade para situar a cidade como referente estatal en materia de infraestrutura verde e planificación urbana sostible.

28 de marzo de 2026

27 de marzo de 2026

27 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible