Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de setembro de 2026

‘A Culpa’, unha innovadora proposta de teatro sinfónico, chegará á Coruña en xuño de 2027

A obra, baseada na novela de María Solar, contará con música orixinal interpretada por músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe no Palacio da Ópera na presentación oficial de 'A Culpa', a nova produción de Estudo Momento en coprodución co Centro Dramático Galego na que colabora o Concello da Coruña, baseada na novela homónima de María Solar, gañadora do Premio Xerais 2022. O proxecto conta ademais coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia, que terá un papel fundamental na dimensión musical do espectáculo.

A obra estrearase o vindeiro 7 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol e chegará á Coruña en xuño de 2027, facendo a súa estrea na cidade no Teatro Colón. Preséntase como unha proposta singular que combina teatro e música sinfónica nunha mesma linguaxe escénica. A compañía define o formato como teatro sinfónico, unha fórmula na que palabra, interpretación, espazo, movemento e partitura forman parte dunha mesma arquitectura dramatúrxica.

Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a importancia de impulsar proxectos culturais innovadores e de fortalecer a colaboración entre institucións culturais galegas. "Desde o Goberno de Inés Rey apoiamos aquelas iniciativas que amplían os límites da creación escénica e que consolidan a Coruña como un espazo de produción cultural de referencia. 'A Culpa' é un exemplo de como a cooperación entre compañías, administracións e entidades culturais pode dar lugar a propostas de gran ambición artística", sinalou.

A adaptación teatral está asinada por Xoán C. Mejuto, que codirixe a montaxe xunto a Iria Ares e participa tamén como intérprete. A historia segue a Amanda, unha empregada de banca de Santiago que recibe unha inesperada herdanza dunha misteriosa multimillonaria arxentina e emprende unha viaxe a Bos Aires para descubrir as razóns dunha decisión aparentemente inexplicable. A investigación levaraa a reconstruír unha historia marcada pola emigración, a memoria, os silencios e a culpa.

A música orixinal foi composta por Gabriel Bussi, violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia. Na estrea, a partitura será interpretada en directo por unha formación de cámara de sete músicos vinculados á OSG. Posteriormente, unha formación de 35 intérpretes da orquestra gravará a banda sonora orixinal do espectáculo, o que permitirá a circulación da obra tanto nun formato con música en directo como cunha versión sinfónica gravada.

Castro subliñou tamén o valor da participación da OSG no proxecto. "A Orquestra Sinfónica de Galicia é unha das grandes institucións culturais do país e a súa implicación contribúe a reforzar a dimensión artística dunha produción chamada a ter unha importante proxección dentro e fóra de Galicia", afirmou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión