30 de diciembre de 2025
A entrada será gratuíta, ata completar a capacidade do recinto
A Asociación Cultural Manicómicos celebrará o seu 22 aniversario coa Gala Manicómicos, que terá lugar o venres 3 de xaneiro, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía de Castro, con entrada de balde, ata completar a capacidade do recinto.
O evento, que conta desde os seus inicios coa colaboración do Concello, será unha festa aberta á cidadanía para conmemorar máis de dúas décadas de compromiso coa creación, a formación e a difusión das artes escénicas e da comedia. "O sector cultural da cidade é diverso e está cheo de talento; por iso desde o Goberno de Inés Rey apostamos por visibilizalo e levámolo aos principais escenarios da Coruña", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A gala reunirá unha selección coidada de números de circo e artes escénicas, en que se combinarán artistas profesionais cunha ampla mostra do traballo desenvolto polo alumnado de Manicómicos ao longo do curso. O espectáculo contará coa actuación da aerialista Sue Moreno; a presentación será da man do carismático pallaso El Gran Rufus e completarase coa participación do malabarista Fran Boza, entre outros. Xunto a eles, o alumnado da asociación terá un papel protagonista sobre o escenario.
A Asociación Cultural Manicómicos nace en xaneiro de 2004 na Coruña, promovida por un grupo de persoas con distintos niveis de experiencia nas artes escénicas e cun interese común: investigar, estudar e difundir as artes escénicas e a comedia. Dende os seus inicios, a entidade desenvolve un intenso labor formativo e cultural e aposta pola creación dun espazo de aprendizaxe, experimentación e encontro arredor do teatro, o circo e o humor.
Entre os seus principais obxectivos, atópanse a organización de cursos formativos tanto para persoas asociadas como para a cidadanía en xeral, que contribúen a un mellor coñecemento das distintas técnicas actorais e escénicas. Ademais, Manicómicos impulsa un festival de teatro cómico de carácter anual na cidade, no que conviven propostas de novas creadoras e creadores galegos xunto a primeiras figuras do panorama cómico internacional, que tamén imparten formación especializada durante o propio festival.

28 de marzo de 2026

27 de marzo de 2026

27 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible