Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de maio de 2015

A IX Feira Matemática reúne en Palexco a máis de 300 participantes e 1.500 asistentes

O evento, que se realiza esta sábado, día 16 de maio, de 11.00 a 19.00 horas, pretende divulgar o ensino das matemáticas dunha forma divertida

O Concello da Coruña, a través da Área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa de que este sábado, 16 de maio, de 11.00 a 19.00 horas, realízase a IX Feira Matemática, unha xornada para divulgar a ensinanza-aprendizaxe das matemáticas e conseguir unha intercomunicación social, lúdica, práctica e divertida, animando a nenos e maiores a resolver problemas matemáticos diversos.

A iniciativa está organizada polo Concello e a Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Agapema) no marco do programa educativo municipal Coruña Matemática. En total, participan 40 nenas e nenos de 3 a 7 anos do Programa municipal de Ocio Educativo pertencentes a 6 centros públicos da cidade. Para estes escolares trátase da segunda semana consecutiva de participación activa en importantes eventos educativos, xa que o sábado pasado tiveron unha exitosa participación no Día da Ciencia na Rúa.

Este ano a temática da Feira Matemática baséase nos xogos e dende o Programa de Ocio Educativo escolléronse os xogos do mundo para trasladar, a través das diferentes culturas, a importancia e o arraigamento nos cinco continentes dos xogos de lóxica matemática. Así, expoñeranse e poderase xogar con diferentes xogos procedentes de África (Wari ou mancala, tabas...), Asia (mikado xigante, torres de Hanoi...), Europa (tejo inglés, o alquerque...), ademais de participar en talleres para confeccionar máis xogos do mundo.

De 11.00 a 13.00 horas participan grupos dos centros de educación Infantil e Primaria San Francisco Javier, Labaca, José Cornide e Sagrada Familia. E de 17.00 a 19.00 horas, os colexios de San Pedro de Visma e Sal Lence.

Por outra banda, participarán 19 centros educativos máis da cidade e da provincia, tanto de Infantil e Primaria como de Secundaria. En total, cos colexios do Programa de Ocio Educativo, son 25 os centros educativos participantes, incluíndo centros de Arteixo, Ferrol, Sada, Ordes, Betanzos, Cambre, Oleiros e Mugardos. Ademais, contarase nesta edición coa Universidade da Coruña, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, os Museos Científicos Coruñeses, o Muncyt, o Instituto Galego de Estatística, a Xefatura Provincial de Tráfico, Proxecto EstalMat, ONG Educo, a Deputación da Coruña, Centro de Formación e Recursos, Abanca, Kalandraka, Nivola, Santillana, Anaya, Grupo Edebé e Gadis.

Participarán 300 nenos e nenas de todas as idades e, ao longo do día, prevese a visita de entre 1.000 e 1.500 persoas.

Documentos:

Programa da IX Feira Matemática (902 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión