8 de outubro de 2025
Hoxe tivo lugar a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que tamén se notificou a concesión dos permisos necesarios para restaurar a cuberta da Igrexa da Orde Terceira de San Francisco
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se notificou a concesión dos permisos urbanísticos necesarios para que Repsol inicie os traballos de derrubamento dos primeiros tanques de cru na terminal marítima dos peiraos petroleiros de San Diego.
"Esta intervención é importante atendendo ao contexto de transformación que está a vivir o porto da Coruña, coa liberalización progresiva dos peiraos interiores e o traslado de infraestruturas industriais a Punta Langosteira", apuntou a rexedora, que lembrou que, en paralelo, proseguen os avances do proxecto Coruña Marítima: onte convocouse de novo o concurso público cos cambios que se aprobaron no último Consello de Administración da Autoridade Portuaria, orientados a facilitar o acceso de profesionais á licitación.
Seguindo cos asuntos incluídos na orde do día da Xunta de Goberno, no balance de licenzas outorgadas pola Área de Urbanismo nos últimos quince días tamén destaca a que permitirá restaurar a cuberta dun enclave patrimonial tan importante como a Igrexa da Orde Terceira de San Francisco, a carón do Abente y Lago e do Museo Militar.
Ademais, hoxe notificouse a concesión de licenza para adecuar un local que se usará como centro de adestramento deportivo que estará situado na rúa Xosé Lesta Meis, en Xuxán. Máis concretamente, nos baixos dos bloques de vivendas dun barrio que, pouco a pouco, vai sumando servizos en paralelo ao seu desenvolvemento residencial.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible