Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de maio de 2017

453 propostas da veciñanza diríxense a investimentos nos dez distritos, mentres que 164 son actuacións para o conxunto da cidade

A plataforma dixital 'A Porta Aberta' rexistra 617 achegas cidadás na primeira fase do proceso de Orzamentos Participativos, un 20% máis que na súa primeira edición

Claudia Delso valora positivamente “o considerable aumento de propostas de investimento”, e lembra que a viabilidade das iniciativas “está a ser estudada” polos servizos municipais “para pasar á seguinte fase”, que comezará o venres 26

A Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de anunciar que a plataforma dixital A Porta Aberta, que dá soporte ao proceso de Orzamentos Participativos, recibiu na primeira fase do mesmo 617 achegas da veciñanza, o que supón un aumento de 101 propostas respecto a anterior edición da iniciativa. A concelleira Claudia Delso cualificou como "moi positivo" o dato, "un incremento que demostra que a cidadanía ten interese en tomar parte das decisións relevantes para o seu municipio". "Os Orzamentos Participativos naceron o ano pasado como proxecto piloto, con vocación de converterse nun mecanismo estrutural e transversal. Hoxe non só vemos referendada a aposta do Goberno local por esta ferramenta, senón que se demostra o uso responsable que fai a cidadanía dos espazos de democracia directa cando estes se activan. A veciñanza quere decidir, directamente, en que quere investir tres millóns de euros do presuposto municipal", afirmou a edil.

Das 617 propostas de investimento --fronte ás 516 presentadas na primeira edición--, 453 están dirixidas aos dez distritos, mentres que 164 comprenden actuacións globais para o conxunto da cidade. O distrito con maior número de propostas de investimento é o D8, que agrupa, entre outros, aos barrios de San Diego, Os Mallos, Catro Camiños ou A Gaiteira. En total foron 103 achegas cidadás as que se refiren a este territorio, que tamén experimenta o maior incremento respecto a edición de 2016, no que recibiu 37. O seguinte distrito, en relación ao número de ideas --con 87 propostas--, foi o D10 no que se concentran os barrios de Peixería, Cidade Vella ou Monte Alto, seguido do D9, con 73 iniciativas presentadas para a Agra do Orzán, Cidade Xardín ou Santa Margarita.

A edil tamén valorou de forma positiva a utilización do Mapa de Distritos proposto polo Goberno local como base deste proceso participativo, "á fin de rematar cos desequilibrios históricos que se deron en relación ao territorio". "Os datos arroxan un importante aumento de propostas nos distritos 1, 2, 3, 4 e 5, pasando de 23 a 119 nun só ano, o que indica que estamos no bo camiño para dar os primeiros pasos que rachen co histórico antagonismo centro-periferia á hora de investir os recursos municipais", dixo Delso. Así, mentres que o D2 --Bens, Penamoa ou Os Rosales-- non recibiu achegas o ano pasado, este ano recibiu 18. No caso do D5 --Elviña ou A Zapateira--, nesta primeira fase obtivo 19 propostas, fronte a unha única iniciativa da edición anterior. "O Mapa de Distritos é un compromiso deste Concello co deseño das políticas redistributivas. Hoxe, cos Orzamentos Participativos, é tamén unha ferramenta para garantir os dereitos da veciñanza", aseverou.

En canto á temática das propostas presentadas, a responsable municipal destaca "a gran diversidade" de ámbitos e áreas ás que se dirixen. Así, a plataforma www.aportaaberta.coruna.es recolleu iniciativas vinculadas a creación de museos monográficos, de espazos para a práctica de actividades deportivas especializadas ou dun centro municipal de apoio á economía social. A veciñanza tamén presentou ideas como a recuperación de camiños e sendas, gañar espazos de uso peonil nos barrios ou melloras no mobiliario urbano. A aposta polo transporte alternativo ao vehículo privado ou a posta en marcha de aplicacións de información e servizos para móbiles,  paneis informativos de actividades inclúense entre as ideas recibidas nesta fase.  

"Os servizos técnicos municipais están a estudar a viabilidade das achegas da cidadanía presentadas neste primeiro período para asegurar que sexan propostas de investimentos e de competencia municipal", informou a concelleira. Unha vez sexa realizada esta valoración, o próximo venres, 26 de maio, abrirase a seguinte fase de apoios, para que a veciñanza dé prioridade, a través da plataforma www.aportaaberta.coruna.es, ás ideas que desexan que formen parte do proxecto de presupostos municipais do Goberno local para o ano 2018.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión