Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de febreiro de 2024

A praza da Tolerancia acolle mañá o mercado de compra sostible, que incluirá obradoiros creativos, xogos infantís e un ciclo de literatura de proximidade

En paralelo á programación, máis de vinte firmas asociadas a produtores e comercios locais habilitarán os seus postos de venda na praza entre as 10.00 e 15.00 horas

O Concello da Coruña dá continuidade esta fin de semana aos Mercados Ecolóxicos Municipais, que nesta ocasión volven ao barrio de Labañou.

Será mañá, domingo 11, co desenvolvemento dun mercado de compra sostible do que formarán parte unhas vinte firmas asociadas a produtores e comercios locais, que habilitarán os seus postos de venda entre as 10.00 e 15.00 horas. Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca visibilizar a importancia dos produtos de proximidade coa finalidade de fomentar hábitos sostibles e saudables, así como a súa incidencia na calidade de vida da cidadanía.

En paralelo, o Concello programou un amplo abano de actividades para todos os públicos, que inclúen actividades e xogos para os máis pequenos e pequenas. Haberá, ademais, un ciclo de literatura de proximidade, en colaboración coa Asociación Galega de Escritores Estará protagonizado polo escritor Miguel Biurrun e a humanista Arantxa Serantes.

Xa para rematar a xornada, as nais, pais e crianzas poderán gozar de forma conxunta cun obradoiro creativo de carácter familiar, no que as persoas participantes aprenderán como decorar candeeiros.

A programación, por horarios, será a seguinte:

  • De 10.00 a 15.00 horas: Intercambio de libros.
  • De 10.00 a 15.00 horas: Espazo de dinamización infantil.
  • De 11.30 a 12.30 horas: Obradoiro infantil.
  • De 12.00 a 12.45 horas: Ciclo de literatura de proximidade, con Miguel Biurrun e Arantxa Serantes.
  • De 13.00 a 14.00 horas: Obradoiro familiar de decoración de candeeiros, con Velas Crunia.

Así funciona o formato rotatorio dos mercados ecolóxicos municipais

Co obxectivo de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Concello está a lle dar continuidade ao novo formato rotatorio dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que estenderá este evento polos diversos barrios da cidade nos vindeiros meses.

A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado vai rotando por distintos barrios, como Novo Mesoiro o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos. 

Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para as e os máis pequenos.

Todos os mercados se realizarán no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada evento pódese atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión