29 de agosto de 2026
Preto de 2.000 persoas asistiron á Gran Noite do Folclore, a máis concorrida da historia da Romaría
A apertura da festa despregou un amplo programa de actividades e eventos para toda a familia, que continuará ao longo deste sábado e domingo
A primeira xornada da tradicional Romaría de Santa Margarida pechou onte cunha alta participación. A apertura da romaría, que se estenderá ao longo de toda a fin de semana, arrincou co espectáculo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado polas creacións visuais de Montse Piñeiro no Planetario da Casa das Ciencias. Xa pola noite, preto de 2.000 persoas asistiron no anfiteatro á Gran Noite do Folclore, converténdoa na máis concorrida da historia da Romaría de Santa Margarida. A cita contou coa participación de Son d'Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra.
"O inicio da Romaría deste ano foi fantástico. Demostrou que o interese da cidadanía nas actividades culturais e nas expresións artísticas populares é agora máis forte que nunca. A Coruña é unha cidade orgullosa da súa historia, do seu folclore e do seu talento local. Unha vez máis o demostramos, e imos seguir a demostralo durante as dúas xornadas que restan", valorou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que estivo hoxe no parque visitando os postos e as actividades.
A de hoxe é a xornada máis participativa, cun espazo de obradoiros, mostra de entidades e artesanía musical na explanada da Casa das Ciencias. A programación musical contará coa actuación de Benofán, o pasarrúas da Real Banda de Cadeiras Encartables e os concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana.
A romaría rematará o domingo cun programa que combinará tradición e novas expresións musicais. A Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto a Donaire, mentres que ao longo da xornada pasarán polos escenarios Pansenfron, Son Galaico, Herbamora, Mondra e o grupo irlandés Dervish, unha das formacións de música celta máis recoñecidas a nivel internacional.
A Romaría de Santa Margarida consolídase así como unha das grandes celebracións da cultura tradicional galega e unha das propostas máis singulares do calendario estival da cidade, reunindo cada ano a milleiros de persoas arredor da música, da artesanía e do patrimonio cultural compartido.
PROGRAMACIÓN RESTANTE
Sábado, 29 de agosto
Domingo, 30 de agosto

28 de agosto de 2026

27 de agosto de 2026

25 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible