29 de mayo de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na presentación da programación da LXXIII edición, destacando a excelsa calidade dun repertorio “único no país”
A LXXIII Tempada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña celebra nesta edición o 150 aniversario da estrea de 'Carmen'. Farao cunha produción espectacular asinada por Calixto Bieito que se verá no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro, tal e como anunciou a presidenta da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, Natalia Lamas, durante o acto de presentación da nova programación. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou nesta presentación e destacou que "o repertorio de obras que trae cada ano á cidade este certame é único no país".
No acto, celebrado no Teatro Colón, participaron o director artístico da Asociación, Aquiles Machado; o director do AGADIC, Jacobo Sutil e Avia Veira, da Deputación da Coruña. Así mesmo tamén estivo presente a directora da Fundación Emalcsa, Bettina Kohlass. "Desde o Goberno de Inés Rey buscamos achegar a cultura máis selecta á cidadanía e unha proba diso é o noso apoio a este programa, de primeiro nivel mundial", engadiu Castro.
Machado debullou a programación completa, que dará comeza o 4 de setembro coa conferencia ao redor de 'Carmen' a cargo de Irene de Juan Bernabéu e que finalizará o 5 de decembro coa estrea na cidade herculina de 'Pelléas et Melisande', de Debussy.
Carmen
A primeira gran cita será o 5 de setembro coa representación de 'Carmen', no ano no que a ópera de Bizet cumpre 150 anos da súa primeira posta en escena. Para celebrar este aniversario na A Coruña farao coa produción de Calixto Bieito, que chega á cidade tras triunfar en grandes teatro internacionais. Unha cita que ademais significa o regreso deste título á tempada tras 19 anos. Ao mesmo tempo é o retorno dunha produción do recoñecido director de escena cuxa último traballo con Amigos da Ópera foi hai 23 anos.
'Carmen' representarase os días 5 e 7 de setembro no Palacio da Ópera. Esta montaxe reunirá sobre o escenario a preto de 100 artistas que se sumarán aos músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección musical de Gianluca Martinenghi.
En total participarán preto de 200 profesionais cun elenco encabezado por Sofija Petrovic como Carmen; Brian Michael Moore converterase en Don José, Jean- Fernand Setti será Escamillo e María José Moreno volve á tempada coruñesa nesta ocasión como Micaela.
O elenco completarase con Susana García como Frasquita; Irene Zas como Mercedes; Jacobo Rubianes no rol de Zuñiga e Pedro Martínez Tapia como Morais. Lle Dancaire será Gabriel Alonso e Eduardo Pomares Sainz converterase en Remendar. Xunto a eles os coros Gaos e Cantabile, baixo as direccións de Fernando Briones e Pablo Carballido respectivamente complementarán as voces dos solistas.
La finta semplice
O mes de setembro continuará coa conferencia previa á ópera de Mozart 'La finta semplice', que se poderá gozar os días 26 e 28 de setembro no Teatro Colón, cunha produción propia de Amigos da Ópera e asinada por Gianmaria Aliverta.
Giuseppe Sabbatini será o responsable da dirección musical da Orquestra Sinfónica de Galicia. Anthony Webb dará vida a Polidoro; Christian Pursell será Cassandro e Marina Zyatkova será Ninetta. Diana Alexe converterase en Rosina e Angela Schisano encarnará a Giacinta. Caio Durán realizará o rol de Fracasso e David Cervera o de Simone.
O xoves 25 de setembro, a sala de prensa de Afundación acollerá a conferencia previa relativa a esta ópera que estará a cargo de Julián Jesús Pérez.
Aposta didáctica
Un ano máis a Asociación volve apostar pola faceta máis didáctica coa que se traballa para transmitir a maxia da ópera aos escolares da Coruña e a súa área de influencia. Nesta edición organizáronse dúas sesións dobres, que se realizarán os días 21 e 22 de outubro, onde participarán máis 1.000 escolares no Auditorio de Afundación. Previamente realizarase un traballo conxunto nos centros educativos participantes.
O traballo formativo tamén volverá a contar co curso de interpretación vocal. Así, do 29 de setembro ao 3 de outubro, realizarase unha nova edición desta cita, que por segundo ano correrá cargo do barítono Carlos Álvarez. O prazo de inscrición comezará o 25 de xuño. Os artistas seleccionados terán a oportunidade de recibir clases maxistrais do mestre Álvarez, que ademais compartirá con eles as súas experiencias vitais e profesionais. O curso finalizará con celebración dun concerto gratuíto, o 4 de outubro no Museo de Belas Artes.
O mes completarase coa realización dos concertos gratuítos do ciclo de lírica inclusiva. O primeiro será o día 10 coa actuación de Rocío Muñoz, a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos (18.00 horas). O venres 17 a sede da ONCE acollerá o recital de Alexandra Zanfira (19.00 horas) e o 24 pecharase coa participación de Marcelo Solís no centro cívico de Monte Alto. En todos eles estarán acompañados ao piano polo coruñés Gabriel López.
Ao longo do mes de novembro a tempada continuará con proxeccións de cinema que terán na Filmoteca de Galicia. Nesta edición os afeccionados poderán gozar coas proxeccións de 'In the mood for love', de Wong Kar-Wai e 'Carmen', de Francesco Rosi.
Así mesmo en Afundación proxectaranse as óperas 'Lles Pêcheurs de perles', de Georges Bizet; 'Die Fledermaus', de Johann Strauss e o recital de Dietrrich Fischer 'Dieskau' acompañado ao piano de Christoph Eschenbach.
Gala 2025: distinta, inclusiva e innovadora
A tempada lírica 2025 contará cunha gala que se celebrará o 24 de novembro no Teatro Colón e que estará protagonizada polo cantante venezolano, Samuel Mariño. O sopranista chega por primeira vez a Galicia onde, asegurou Aquiles Machad, "ofrecerá un fantástico repertorio camerístico que estamos seguros cultivará o aplauso do público".
Na Coruña teremos a oportunidade de gozar non só da súa voz, senón tamén dunha posta en escena distinta, innovadora e aplaudida alá por onde pasa, sinalou o director artístico da programación coruñesa.
Clausura con 'Pélleas et Mélisande'
A LXXIII edición será clausurada o 5 de decembro coa obra 'Pélleas et Mélisande', no Teatro Colón da Coruña. Esta será a première da única ópera composta por Claude Debussy na cidade herculina nunha cita que contará co principal director convidado da Asociación de Amigos da Ópera, José Miguel Pérez Sierra, o cal volverá poñerse á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Sobre o escenario uniranse as voces de Sabrina Gárdez, Edward Nelson, Yakov Strizhak, Igor Durlovski, Mónica Redondo, Belén Vaqueiro e Javier Agudo. Xunto a eles a sección masculina do Coro Gaos dirixidos por Fernando Briones.
As entradas e abonos para os asociados de Amigos da Ópera poderán retirarse entre o 12 e o 18 de xuño nas oficinas da entidade, e a venda para o público xeral comezará o 20 de xuño a través de ataquilla.com e no punto de venda da Praza de Ourense.

17 de diciembre de 2025

16 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible