Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de xaneiro de 2024

Á venda as entradas para ‘A nai’, que recolle a historia das irmás Touza e abre o venres 26 a programación do ciclo Sen Numerar de Primavera

O ciclo, que terá lugar no Fórum Metropolitano, inclúe cinco espectáculos teatrais. Entre as e os intérpretes que se subirán ás táboas do auditorio estarán María Costas, Esther Carrodeguas e Fran Nogueira

O Concello habilitou hoxe a venda de entradas dos cinco espectáculos incluídos na programación do ciclo Sen Numerar de Primavera, que terá lugar no Fórum Metropolitano entre este mes e mediados de maio.

A primeira das funcións previstas terá lugar o venres 26 de xaneiro (21.00 horas). Marián Bañobre dirixe 'A nai', unha obra que recupera o nome en clave do enlace da rede clandestina de ferrocarril que pasaba por Ribadavia nos anos da II Guerra Mundial. As persoas que chegaban á estación debían preguntar por ela para poder acadar a liberdade. Por aquel entón, Lola, Amparo e Julia Touza Domínguez eran tres irmás ribadavienses que rexentaban o quiosco da estación de tren deste concello ourensán. O que ninguén soubo ata despois da súa morte é que elas foron responsables de salvar arredor de 500 xudeus perseguidos pola Xestapo.

O ciclo Sen Numerar de Primavera continuará o venres 26 de febreiro (21.00 horas) con 'Deadpan Karaoke', dirixida por Patricia Rodríguez. Deadpan, o protagonista, é un personaxe incapaz de sentir e expresar emocións. A través das súas accións e grazas á contextualización delas dentro dun karaoke, consegue facer accesibles e divertidos para o gran público cuestións e dilemas que ocupan os grandes pensadores contemporáneos.

O terceiro dos espectáculos programados é 'Niña de nadie', un proxecto da compañía La Zafirina que transportará o público asistente á realidade dunha adolescente durante tres días da súa vida. Será unha viaxe de iniciación para achegarse a ese momento no que todo está por descubrir, e no que o cacho está por romper. A obra é unha idea de Mafalda Bellido e Sergio Serrano, tamén directores da peza, interpretada por Arianne Algarra. A función terá lugar no Fórum o venres 8 de marzo (21.00 horas).

Xa o venres 26 de abril (21.00 horas), Esther Carrodeguas interpretará 'O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada', unha obra na que a protagonista, cunha sinceridade crúa, aborda a relación co seu corpo e o impacto social que ten a gordofobia.

O quinto e último espectáculo do ciclo Sen Numerar de Primavera terá lugar o venres 10 de maio (21.00 horas). 'Cancións amarelas, flores tristes', dirixido por Nerea Brey, pechará a programación cunha historia coral, a de María, César, Cris e Fran, catro persoas de idades, xéneros, crenzas e realidades socioeconómicas moi diferentes, que coinciden sempre no mesmo karaoke. Madrugada tras madrugada, as cancións e o alcohol mestúranse cos medos e problemas que os levan a refuxiarse neste lugar, onde constrúen os seus propios paraísos artificiais. As e os intérpretes galegos María Costas, César Goldi, Cris Iglesias e Fran Nogueira son os protagonistas da peza.

As persoas de máis de 65 anos, desempregadas ou con Carné Xove terán tarifas reducidas

Os pases correspondentes aos cinco espectáculos do ciclo Sen Numerar de Primavera custan nove euros. Haberá descontos, iso si, para as persoas maiores de 65 anos, para as que estean desempregadas e tamén para as posuidoras do Carné Xove, que poderán adquirir as entradas a un prezo de sete euros.

A compra de entradas xa está habilitada a través da páxina web Ataquilla.com, así como no despacho de billetes do IMCE situado na praza de Ourense, en horario de luns a venres (agás festivos) das 11.00 ás 15.00 h e das 16.30 ás 19.30 horas. Tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de función, dende media hora antes do inicio dos espectáculos, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión