Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de xuño de 2016

A Xunta de Goberno Local dá luz verde ao proxecto da Renda Social Municipal, que será levado a pleno a próxima semana para a súa aprobación

O alcalde salientou hoxe que o Dillo ti é “un acto de rendición de contas do Goberno local coa cidadanía, non de propaganda, e onde os protagonistas son os veciños e veciñas que van”, e censurou os intentos de “distorsionar a súa imaxe”

A Xunta de Goberno Local celebrada na mañá deste luns deu luz verde ao proxecto da Renda Social Municipal, que contempla unha prestación social dirixida a persoas da cidade en situación de vulnerabilidade que non perciban a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ou outras axudas económicas similares, que inclúe unha cobertura económica periódica para que estas poidan facer fronte ás súas necesidades máis básicas e que vai acompañada de itinerarios de inclusión social, a cargo dos servizos sociais municipais. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, informou hoxe de que o seguinte trámite será levar o proxecto á correspondente comisión informativa, que terá lugar esta semana, para o seu debate no pleno que se celebrará o vindeiro luns, día 13, e, neste sentido, manifestou a súa confianza en que na sesión plenaria "haxa unanimidade" no apoio á ordenanza por parte de todos os grupos da corporación.

Tal e como sinalou, a preguntas dos medios, o proxecto da Renda Social Municipal conta "cun programa específico", recollido nos Orzamentos, que permitirá a contratación de persoal para atender a nova demanda, e que reforzará o traballo do persoal municipal asignado á tramitación das axudas e o acompañamaento social e de inserción que se contemplan. "O Goberno local está totalmente implicado neste proxecto", subliñou Ferreiro, quen matizou que este non se solapa coas axudas que xa existen para emerxencia social, "e que cumpren a súa función, para que persoas que normalmente non necesitan a renda social municipal poidan optar a unha axuda puntual para un momento de complicación". "É posible que haxa menos xente que teña que optar por elas, porque son para un  problema puntual", observou.

Tamén, o alcalde incidiu na condición do Dillo ti como "un acto de rendición de contas do Goberno local coa cidadanía" e confirmou que o programa participativo celebrará o seu próximo encontro o vindeiro 9 de xullo, fóra xa de período electoral. "Dame certa mágoa que se estea intentando distorsionar a imaxe dun acto que é moi esixente para o Goberno, que non é para nada cómodo nin de propaganda, senón de compromiso coa cidadanía, onde os protagonistas son os veciños e veciñas que van. Calquera que fose algunha vez ao Dillo ti entende perfectamente o que é e sabe que non responde á imaxe que lle queren dar", sinalou Ferreiro, para recordar que este programa de participación vénse celebrando de forma periódica cada mes desde principios de ano. "Nunca se vinculou ao calendario electoral", salientou.

 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión