Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de agosto de 2016

A Xunta de Goberno local dará luz verde á licitación das Bolsas USA, un programa que permitirá a 50 estudantes “acadar un dominio avanzado da lingua inglesa e un coñecemento real doutra cultura” o próximo curso

A Concellería de Xustiza Social duplica o investimento destinado a estas becas, que serán posteriormente adxudicadas entre o alumnado solicitante atendendo a diversos criterios, “destacando os de carácter social e permitindo a gratuidade para as rendas máis baixas”

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres aos trámites que permitirán sacar a concurso a xestión do programa Bolsas USA, que posibilitará que, como mínimo, 50 alumnos e alumnas da Coruña realicen durante os cursos 2017-2018 e 2018-2019 os estudos correspondentes ao primeiro grao de Bacharelaro en Estados Unidos. O obxectivo deste programa, que a Consellería de Xustiza Social e Coidados de Silvia Cameán recupera, tras ofertar este ano as bolsas Idiomas do Mundo de estudos no estranxeiro, é "ofrecer a oportunidade aos e ás alumnas de 4º de ESO residentes no Concello da Coruña de cursar o Grao 11 en EEUU para acadar un dominio avanzado da lingua inglesa e un coñecemento real doutra cultura". "Igualmente, este programa tamén tentará afondar no respecto do alumnado ás diversidades culturais, raciais e sexuais, así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres", apunta a concelleira.

Cameán indica que "é unha moi boa nova que os e as rapazas desta cidade poidan ampliar a oferta que xa lles ofrece o Concello de estudos no estranxeiro con este programa". A responsable municipal fai fincapé en que "unha vez máis, e seguindo as liñas programáticas e os compromisos coa cidadanía deste Goberno municipal, o Concello terá moi en conta á hora de adxudicar estas bolsas entre o alumnado solicitante criterios sociais como o nivel de renda familiar". "Traballamos para poder dar as mesmas oportunidades de formación aos e ás rapazas desta cidade, independentemente dos apelidos ou dos petos dos seus pais e nais. Cremos que é a forma de colaborar na construción unha cidade máis xusta", di a edil. A aposta do Concello polo programa das Bolsas USA vese referendado no incremento dos recursos cos que conta este programa. De feito, o importe do mesmo duplícase con respecto ao último realizado, pasando a contía de 312.000 a 650.000 euros por curso.

A empresa que resulte finalmente adxudicataria da xestión do programa deberá, entre outras cuestións, responsabilizarse da selección dos colexios públicos onde os e as rapazas coruñesas estudarán durante a súa estadía, así como escoller a cada unha das familias de acollida e acordar con cada unha delas as condicións de estancia dos e das participantes. Buscaranse, preferentemente, familias que conten cun fillo ou filla de idade similar a do participante. Tamén deberá supervisar o proceso de adaptación dos e das alumnas nos fogares nos que sexan acomodados mediante un seguimento específico, así como visitas periódicas. As familias do alumnado, de feito, recibirán informes bimestrais sobre a evolución do ou da estudante. A firma adxudicataria tamén terá que organizar e pagar as viaxes de ida e volta de cara participante dende A Coruña ata as súas localidades de destino en USA, garantido en todo momento a súa seguridade.

"Ademais, esta nova edición das Bolsas USA contará cunha serie de novidades, como o feito de que no prego de condicións primaranse as empresas que oferten unha cantidade mensual para gastos de peto do alumnado coa intención de que as familias con menos recursos teñan un custe cero real", destaca Cameán. "Ademais, solicitamos tamén que ao seu regreso, as e os participantes leven a cabo unha proba oficial acreditativa do nivel acadado", indica.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión