Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xuño de 2016

A Xunta de Goberno local dará luz verde este luns ao proxecto da Renda Social Municipal, que servirá para dar cobertura ás persoas que se atopan en risco de exclusión

O alcalde, Xulio Ferreiro, confirmou que a medida se levará ao Pleno do luns 13 de xuño. “Cremos que debería ser aprobada por unanimidade, dado o seu alto grao de consenso e que se traballou non só cos grupos da oposición, senón tamén coas traballadoras sociais e as entidades da cidade”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado da concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, anunciou este venres a intención de aprobar o próximo luns en Xunta de Goberno local o proxecto da Renda Social Municipal, unha cobertura económica periódica que servirá para que todas as persoas da cidade en situación de vulnerabilidade que non perciban a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), ou outras prestacións económicas, poidan facer fronte ás súas necesidades máis básicas, tales como alimentación, vivenda, pago de cotas de alugueiro, vestimenta ou outro tipo de necesidades. Os veciños e veciñas que poidan acceder a esta prestación terán que cumprir unha serie de requisitos, entre eles, estar empadroadas, ser maiores de 18 anos e colaborar en itinerarios de inclusión social que levarán a cabo traballadoras sociais de referencia, e que servirán, segundo palabras da edil, para "que todas estas persoas poidan recobrar a autonomía". O rexedor manifestou que a pronta posta en marcha desta prestación social "é unha das mellores noticias que pode dar este Goberno municipal". Logo da súa aprobación en Xunta de Goberno local, deberá ser convocada a Comisión de Xustiza Social, na que se debaterá o texto, para posteriormente ir a Pleno. Ferreiro indicou que a decisión do Goberno é tratar esta ordenanza na próxima sesión do día 13 de xuño, de forma que a Renda Social Municipal estea xa en vigor este verán.

O primeiro edil da Coruña destacou o aumento da situación de pobreza das familia da cidade nos últimos anos, segundo datos oficiais, "o que fai máis necesaria esta prestación", ademais do feito de que un 50% das solicitudes da Risga non sexan aceptadas. "Dixen no meu discurso de investidura que nesta Corporación Municipal habería unidade á hora de poñer por diante os intereses da xente, da xente que padece o desemprego, da xente que padece a pobreza e da xente que ten un difícil horizonte na súa vida e na vida dos seus, e dixen que esta Corporación sabería estar á altura dos tempos. Dixen tamén que para estes obxectivos sempre estaría o Goberno municipal, que sabería conformar as maiorías necesarias para que todos os coruñeses e coruñesas tiveran unha vida digna. Eu creo que hoxe, ese día que se anunciou hai practicamente un ano, chegou", incidiu Ferreiro.

O alcalde salientou tamén "o grande traballo" que levou ás costas a elaboración desde proxecto de Renda Social Municipal, no que colaboraron non só as áreas do Goberno local, senón tamén os grupos da Corporación, traballadoras sociais e entidades do tecido asociativo da cidade, ademais do servizo municipal de asesoría xurídica. "No seu momento, cando elaboramos o proxecto inicial, dentro dos 100 primeiros días de mandato, nos atopamos cunha serie de obstáculos que hoxe podemos dicir que foron superados. Por exemplo, a aprobación por parte da Xunta de Galicia do decreto carteira de servizos sociais de inclusión nos fará máis fácil a tramitación desta prestación", explicou o alcalde, que estivo en contacto co conselleiro de Políticas Sociais, José Manuel Rey Varela, con que falou por última vez do tema no día de onte. "Temos o seu compromiso de que este decreto carteira, que foi aprobado en febreiro, se publicará en breve, o que facilitará enormemente o marco xurídico e administrativo de traballo, xa que poderemos optar a pagos directos, sen necesidades de que estos estean xustificados con facturas", comentou.

"As familias que o están a pasar mal non poden esperar, por iso quero agradecer o traballo de todas as persoas que colaboraron e que fixeron posible que chegaramos até aquí", sinalou Ferreiro, que fixo fincapé na colaboración tanto das traballadoras sociais como das entidades deste sector, ás que no día de onte se lles presentou o borrador do proxecto de Renda Social Municipal, "co que se amosaron moi satisfeitas".

O proxecto de Renda Social Municipal estipula que o pago da prestación económica ten un máximo de 18 meses, e sempre estará vinculado ao establecemento de itinerarios de inclusión activa orientados ao logro da mellora persoal e social das persoas beneficiarias e a súa unidade de convivencia. A contía máxima da axuda será o 100% do IPREM (o indicador estatal de referencia para a prestación de axudas sociais) para unidades de convivencia dun único membro e irá aumentando en 20 puntos porcentuais por convivinte adicional até un máximo do 200% do IPREM.

A responsable de Xustiza Social destacou que co novo decreto autonómico aprobado será posible que a Administración Local leve a cabo pagos directos aos perceptores da renda, que non deberán xustificalos con facturas. "Na vez de ir pola vía da subvención, imos pola vía da prestación o que é moito máis sinxelo, principalmente porque non nos require carga administrativa e as persoas solicitantes non terán que estar pendentes de entregar todas as facturas, co risco, como ocorre con distintos subsidios, de que estes queden paralizados se non se chegan a tempo", subliñou Cameán. "Cando se determine que unha persoa ou familia en situación de vulnerabilidade está en condicións de recibir esta renda, ademais de aboarse, se lle fará sempre un seguimento, uns itinerarios personalizados de inclusión. Nós non imos simplemente a dar unha axuda mensual, senón que imos acompañar a estas persoas para que poidan volver a ser autónomas e ter un proxecto de vida", dixo, á vez que manifestou a necesidade de que Risga autonómica sexa reformulada, "xa que non é suficiente nin chega para cubrir as necesidades básicas".

O Goberno local reservou nos Orzamentos Municipais deste ano 2,1 millóns de euros para soster a Renda Social Municipal, que se prevé dará cobertura a preto de 1.000 familias no municipio. A previsión, non obstante, é que o próximo ano se destinen tres millóns de euros, a cantidade que se manexaba no caso de que os presupostos fosen aprobados a principio de ano. Ademais, está previsto un reforzo do persoal de Servizos Social para a posta en marcha deste programa.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión